Contracultura

Marcelo DoBode: "Nos conservatorios aprendes a cantar ou tocar, mais non se ensina educación emocional"

Marcelo DoBode, músico e actor, aborda a influencia da natureza nos seus proxectos creativos e a composición do seu último disco, 'Turoqua'. DoBode desvélanos os traballos que virán e tamén as dificultades á hora de subir a un escenario, xa que, como el di, "un mal concerto vas ter seguro, porque hai días que a enerxía non está, estás canso ou sentimentalmente pasan cousas, e ao final é facer un papel de ti mesmo para intentar dar 
o mellor".
Marcelo DoBode levou os temas de 'Turoqua' aos escenarios galegos durante o verán. (Foto: Beatriz Císcar)
photo_camera Marcelo DoBode levou os temas de 'Turoqua' aos escenarios galegos durante o verán. (Foto: Beatriz Císcar)

—De onde xorden as cancións?
A miña música é do mundo, vén da raíz tradicional e foise transformando segundo as miñas vivencias, as viaxes. No disco Turoqua, que lanzamos en 2019, por exemplo, hai un pouco de rock, de soul e de funk porque me criei nunha tenda de música onde escoitaba este tipo de ritmos.

Estes referentes fusionáronse coas melodías que me ensinaron as nosas mulleres do rural. Eu mesmo levo 17 anos vivindo no rural. Para min a música vai ligada aos ciclos do ano: é unha música de horta. Na terra, abonas, traballas durante unha tempada, sementas, plantas e despois medran a flor e o froito. Penso que a música é así: viaxas, captas experiencias e chega un momento no que iso se abre e van saíndo as letras e as melodías, que son a flor. O disco é o froito de todo o proceso, incluída a produción. Normalmente, busco que cada unha das cancións sexa un momento da miña vida, un momento social ou un momento con outra persoa.

—Cun disco lanzado pouco antes da pandemia, hai novos proxectos no horizonte?
Tocounos moito. Pensabamos nun verán con moitos concertos e non puido ser. Aínda custa apostar por formatos grandes e cando hai moitos músicos na banda é complicado coller bolos porque hai que coordinarse. Con todo, estou preparando un traballo novo que sairá este outono. É un disco que é como o espertar da mañá: como cando che dá o sol na cara e notas a calor da primeira hora.

As composicións que hai nos meus discos novos teñen 10 ou 15 anos porque todo ten o seu tempo para saír. Non me gusta a música á carreira nin me vinculo co que está de moda. Socialmente, queren guiar toda a nosa vida e a xente acaba por parecerse máis entre ela. Intento que os meus referentes sexan o sitio onde vivo, a natureza. Moita xente que visita o val onde vivo pregúntame como é que non me aburro, mais cada mañá cando abro a fiestra da miña casa a montaña é diferente: hai unha luz e unha cor distinta, ves o movemento.

Na cidade, o edificio de enfronte é o mesmo sempre. E ocorre igual comigo: Marcelo non é igual hoxe que onte e non quero que as persoas que me escoitan busquen en min o mesmo artista; son unha persoa que non se fecha a nada e, como vivo o presente, a miña música tamén. Aínda que teño os meus proxectos en solitario, tamén necesito a música popular. Encántame ese momento no que imos a unha taberna, poñernos a cantar ou inclusive a improvisar e que todo o mundo cante comigo.

A música é ese momento onde se unen todas as enerxías da xente que está aí, cando deixa de haber un público. O outro é un espectáculo que tes estudado, e sobes a dar o mellor de ti, mais eu necesito as dúas cousas porque é a forma de estar cos pés na terra. Son músico porque o meu corpo así mo pide e non entendo o tratamento de deus que hai enriba dos escenarios.

—As facetas de mestre e actor tamén conflúen coa de músico ao tocar?
Nos meus primeiros traballos tocaba sentimentos moi íntimos que a xente facía seus e revivir eses momentos, que ás veces son felices e outras non, é moi forte. Estudar actuación axudoume a coñecerme, a subirme a un escenario. Tamén teño moito que agradecer a Patricia Hermida e á miña manager porque sen persoas así é moi difícil ser artista hoxe en día.

Un mal concerto vas ter seguro, porque hai días que a enerxía non está, estás canso ou sentimentalmente pasan cousas, e ao final é facer un papel de ti mesmo para intentar dar o mellor. É un traballo previo que non se ensina: nos conservatorios aprendes a cantar ou a tocar un instrumento, mais non a xestionar isto. E pasa na vida mesma: ás crianzas tampouco lles aprenden educación emocional.  

Comentarios