Manuel Veiga, escritor: "As revolucións, cando nacen, sofren un asedio moi grande"

A parte queimada. Stalin & Robespierre (Aira, 2020) é a novela coa que o escritor Manuel Veiga explora a cerna dos totalitarismos e tamén o emprego da violencia, nas súas múltiples faces, como unha suposta vía política revolucionaria. Esta quinta feira, 4 de novembro ás 20 horas, estará nun encontro na Libraría Pedreira, en Compostela, para presentar a obra no marco dunha conversa histórico-literaria sobre as revolucións francesa e rusa con César Lorenzo Gil, o seu editor.

Manuel Veiga Taboada presentará en Compostela, na Libraría Pedreira, 'A parte queimada' (Foto: Antonio Gutiérrez).
photo_camera Manuel Veiga Taboada presentará en Compostela, na Libraría Pedreira, 'A parte queimada' (Foto: Antonio Gutiérrez).

En A parte queimada aborda a cuestión dos totalitarismos e o emprego da violencia como vía política revolucionaria. Como xorde esta temática?

Interesábame tratar o tema do stalinismo e o da época do terror na revolución francesa porque son cuestións que a dereita usa moito contra o campo progresista. Parece que son como un pecado orixinal da esquerda, unhas etapas tan duras, difíciles e de tanto crime... Creo que as persoas progresistas, en xeral, cando lle sacan o tema do stalinismo normalmente tratan de cambiar de conversa, non lles gusta abordar esa cuestión. 

Con A parte queimada o que quería era dar unha explicación do que sucedeu nesas épocas, mais dunha forma progresista, racional... porque o que se fixo sempre con Stalin e tamén co período do terror da revolución francesa foi demonizar. Mais demonizar non é explicar. Se demonizamos alguén, sexa Hitler, Stalin, Franco, ou quen sexa... non o entendemos. E penso que os fenómenos históricos hai que comprendelos... tamén para evitalos. 

No transcurso da investigación, comprobei que realmente o stalinismo, aínda que sempre se compara co nazismo, é moi diferente. A revolución rusa parécese á revolución francesa, que é o seu antecedente. As dúas presentan moitos paralelismos que tratei de explicar nesta obra. 

Que destacaría destas dúas revolucións?  

Son fenómenos históricos moi importantes por diversos aspectos, mais eu centreime basicamente nun en concreto, que foi o da represión dos propios camaradas, dos propios compañeiros. 

Nos procesos de Moscova o stalinismo a quen reprime, principalmente, é a outros revolucionarios. A revolución francesa fai o mesmo. Esta cuestión é moi difícil de entender e tamén de explicar. É un feito que non sucede, por exemplo, coas ditaduras de dereitas. O franquismo non reprimiu os franquistas. Tampouco o nazismo reprimía nazis. Esa é unha gran diferenza entre as revolucións e as ditaduras conservadoras. 

As persoas, os réximes, os estados conservadores... baséanse na tradición, no que xa hai... E sobre iso non hai nada que discutir. En cambio, os movementos que tratan de cambiar a sociedade son abertos, é dicir, un pode ter unha teoría e outro outra... É algo que sempre separa a esquerda, que crea divisións e perigos. 

Outro aspecto importante é que as revolucións, cando nacen, sofren un asedio moi grande. Para que esa utopía que defenden non se realice son atacadas por todas as partes, vémolo hoxe con Cuba ou Venezuela. Iso normalmente obriga eses réximes a endurecerse, e a perverterse, claro... Como dato, na II Guerra Mundial os nazis destinaron 165 divisións ao fronte leste, ao ruso, mentres que ao oeste mandaron 30. Son datos demostrativos, son situacións moi duras e hai que achegar ese contexto para explicar o stalinismo.

Por esa hibridación, tense definido esta novela como un ensaio político...

Hai unha hibridación porque por unha parte é un ensaio e pola outra é unha narrativa que podemos chamar de non-ficción. A obra presenta moitas técnicas literarias para que teña ritmo, para que sexa amena e que estea ben escrita... Diferente a facer un ensaio máis árido, erudito e cargado de datos... que pode estar moi ben pero distancia o lector.

Á parte, tamén vén de publicar outra novela en Xerais. 

As mellores tendas de Madrid (Xerais, 2021) saíu en febreiro deste ano. A novela está situada no Vigo de 2008, xusto cando comeza a crise económica. Os seus protagonistas son case todos de clase media, menos un, que é director dunha caixa de aforros da época. 

A obra aborda e pretende reflectir ese momento da nosa historia recente no que a clase media e esa xente que vivía ben se ve envolta pola crise económica, con moitos dos seus esquemas e ideas rotas.

Comentarios