CULTURA

Manuel Veiga navega no seu último libro entre a intriga e o ensaio pola ‘violencia revolucionaria’

Manuel Veiga navega no seu último libro entre a intriga e o ensaio pola ‘violencia revolucionaria’

'A parte queimada. Stalin & Robespierre’ chega esta semana ás librarías.

 

Retrato de Manuel Veiga Taboada (Antonio Gutiérrez).
photo_camera Retrato de Manuel Veiga Taboada (Foto: Antonio Gutiérrez).

“Por que as revolucións francesa e rusa acabaron converténdose en traxedias nas que os seus protagonistas acabaron matándose entre si? Esta é a pregunta que se fai o autor nesta novela construída a medias como un ensaio a medias como unha novela de intriga. A través dos textos, especialmente os literarios, viaxamos a eses dous momentos nos que abaneou a estabilidade do mundo para comprobar como a esperanza pola redención da miseria e da desigualdade se foi encamiñando por estreitas corredoiras cheas de dor e de sangue”.

Esta é a sinopse de A parte queimada. Stalin & Robespierre, o último libro de Manuel Veiga, que esta semana chega ás librarías, fai a editorial que o publica. Aira.

No libro Veiga percorre as revolucións francesas e rusa e os seus ronseis, “para intentar comprender por que son os propios revolucionarios vítimas da violencia dos seus camaradas”.

Manuel Veiga Taboada (Monforte, 1960), publicou recentemente ‘Galicia contada aos non galeguistas’ (Xerais, 2020). Doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía e licenciado en Ciencias da Información, en 1983 entrou a formar parte da redacción do semanario "A Nosa Terra", periódico que dirixiu entre 2007 e 2010. Na actualidade colabora con Nós Diario

No ano 2004 gañou o premio Xerais coa novela O exiliado e a primavera e, en 2006, o Manuel García Barros con Lois e Helena buscándose un día de tormenta. Outras obras súas son O profesor de vegliota, novela (Xerais, 2008), Do G ao Z. Dicionario indignado e humorístico (Xerais, 2012) , O pacto galego na construción de España , Manuel María, buscando un país (Xerais, 2016) e Todo ser humano é un río (Xerais, 2016). 

comentarios