Banda deseñada

Manel Cráneo será o novo director do salón Viñetas desde o Atlántico

Craneo é un dos autores de BD máis recoñecidos na Galiza, e unha figura de consenso no sector.
Manel Cráneo
photo_camera Manel Cráneo.

O Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico xa ten novo director. Manel Cráneo (A Coruña, 1973), responsábel de Demo Editorial, será quen substitúa a Miguelanxo Prado, que dimitira do cargo o ano pasado.

A dimisión de Prado resolveuse o ano pasado cunha edición organizada polo propio Concello en colaboración co sector da banda deseñada da Coruña. Neste contexto, Cráneo xa estivera implicado na organización, comisariando unha exposición de artistas locais e xestionar diferentes obradoiros. Ademais, xa coordinara actividades paralelas noutras edicións do encontro.

Figura de consenso

Craneo é un dos autores de BD máis recoñecidos na Galiza, e unha figura de consenso no sector. Autor de obras como Destino Hërgüss, Os lobos de Moeche, Roxín Roxal. A Daga do Conde ou Corona*bios, publicou recientemente Cinza, un  álbum que adapta a obra A nosa cinza, de Xavier Alcalá, que en menos de tres meses xa anunciou a segunda edición.

O seu compromiso co sector profesional levouno a ser socio fundador e primeiro presidente en activo da AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración) en 2003. En 2008 fundou o seu selo Demo, unha editorial especializada en banda deseñada en lingua galega. Creou a empresa de xestión cultural CR4 e a marca comercial Planeta Mincha, especializada en entretemento.

Cráneo fundou e dirixe a plataforma Coruña Gráfica, destinada a promover e poñer en valor o talento local dentro das diferentes disciplinas gráficas relacionadas coa banda deseñada e a ilustración. Tamén comisariou unha trintena de exposicións e foi o creador de eventos como o Encontro Galego de Ilustración da AGPI, vixente desde hai 20 anos.

Comentarios