Miguelanxo Prado, sobre Viñetas desde o Atlántico: "Con estas regras de xogo, o modelo non é viábel"

O debuxante lamenta tomar a "dolorosa" decisión de renunciar á dirección do festival após 25 anos e afirma que "desperdicialo" sería "suicida". A alcaldesa, Inés Rei, defende que "se actualizará e modernizará".
Miguelanxo Prado intervén nunha edición pasada do festival. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Miguelanxo Prado intervén nunha edición pasada do festival. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O até o de agora director do Salón do Cómic Viñetas desde o Atlántico da Coruña, Miguelanxo Prado, atribuíu a súa marcha ás limitacións económicas e os "obstáculos" que, dixo, foi atopando desde hai anos para a organización do festival fronte ás condicións pactadas cando aceptou a proposta do ex alcalde Francisco Vázquez, hai xa 25 anos.

Nunha rolda de prensa ofrecida esta sexta feira, o debuxante sinalou que daquela accedera a asumir a dirección porque se lle garantira que sería un evento de carácter cultural institucional, gratuíto para toda a cidadanía e cunha programación para un sector de público amplo e "non especializado, dirixido a un grupo concreto". En definitiva, "deseñar un sistema de acollida que solucionase os puntos negros que eu sufría como autor", resumiu.

Incidiu en que o obxectivo era tamén que os materiais cedidos polos autores, que eran orixinais, fosen tratados con "dignidade e coidado", alén dunha remuneración "digna" para eles. "O que aquí tivemos foi o mellor do mellor do mundo", recalcou Miguelanxo Prado, que destacou o "éxito" do festival e dunha fórmula "incuestionábel" que se mantivo "razoabelmente ben durante dez anos".

"Cambio substancial" co PP

O comezo do "cambio substancial" de Viñetas desde o Atlántico coincidiu co acceso do PP ao Goberno local en 2011, ao xurdir "bandeiras vermellas, cousas que hai que ir prescindindo" e con "posicionamentos ideolóxicos", ao que sumou as mudanzas a nivel económico pola nova Lei de Réxime Local. "O orzamento de 120.000 euros foi conxelado desde hai moitísimos anos", citou como dato.

Miguelanxo Prado, que explicou que foi nese momento cando se lle propuxo privatizar o festival, apuntou que traballaron estes anos para que eses "obstáculos" non se notasen e que a calidade non diminuíse, malia que insistiu nas dificultades que foi atopando "sen que houbese unha razón económica que o xustificase", reiterou. "Non é un problema persoal, é un problema estrutural, non estou canso, nin desilusionado, pero coas regras de xogo que se nos poñen na mesa o modelo non é viábel", engadiu o debuxante para quen "se pode facer outro festival" pero non o que el concibiu cunha "aposta diferenciada".

Por outra parte, apelou a manter o que cualificou como "un patrimonio como cidade" e argumentou que "desperdicialo" sería "suicida" e, por iso, dixo, que "polas vías que sexan" seguirá a traballar para que A Coruña "siga sendo un punto de referencia", pero non como director deste festival. Prado, que admitiu que lle doe deixalo após 25 anos, lamentou que, entre outras cousas, perdesen "a ocasión" de erguer un museo nacional do cómic.

Tamén asegurou que é para el unha decisión "moi dolorosa" pero que optou por presentar a dimisión o pasado 23 de marzo ao entender que tiña que pór fin a esta etapa, aínda que en xuño do ano pasado xa tiña decidido que non ía seguir, mais avogou por agardar ao remate da edición de 2022

Resposta do Goberno local

Preguntado sobre a resposta que recibiu por parte do actual Goberno local tras presentar a súa renuncia, Miguelanxo Prado asegurou que non sabe se llos transmitiron á alcaldesa, Inés Rei, "ou non os valorou". A propia Rei, a preguntas dos xornalistas, manifestou que coñece "perfectamente" as razóns da renuncia do debuxante, co que dixo tivo unha "extensa reunión". Tamén agradeceu o seu traballo por impulsar unha "cita indispensábel" que, avanzou, seguirá o próximo verán. "Nomearemos nova dirección", confirmou, e manifestou que se "actualizará e modernizará" o evento para "seguir sendo unha cita imprescindíbel do verán".

Comentarios