Manel Cráneo: "Un lector díxome que usa as Corona Bios para explicar ao seu fillo o que está a pasar"

Corona-Bios xurdiu como unha vía de escape para a sobredose de información e o confinamento. Nas viñetas que partilla cada día nas redes, Manel Cráneo recolle con humor o noso comportamento en tempos de pandemia. Un retrato que recompilará nun libro a través dunha campaña de micromecenado
Manel Cráneo
photo_camera Manel Cráneo

Define Corona-Bios como "un proxecto terapéutico desde o humor".

En dous días dinche que tes que fechar todo e a vida muda radicalmente. Abril e maio son moi importantes no mundo editorial, co Día do Libro e co Día das Letras, e tiña moitos obradoiros en coles ou bibliotecas que cancelei. Pregúntaste que vai pasar. Estaba saturado polas noticias, quedei impactado pola situación e deixeime levar, porque debuxar reláxame. Tras algúns días facendo viñetas, a miña parella díxome que as compartise en redes. Levo máis de 300 publicadas. 

Está aí esa necesidade de desconectar do humor, de rirse un pouco da situación ou incluso de nós mesmas?

É totalmente necesario rir de nós mesmos, pero tamén analizar o que pasa, facer filosofía da vida. Partín de dous referentes: Castelao e El Roto. Tirei dun debuxo serio, que nos poña un pouco en ridículo como seres humanos, e mestureino con distintos tipos de humor, algún moi negro, outro máis surrealista. Algunha viñeta ten un humor moi negro, porque convivimos coa morte a diario. Chega a asustar ver como está de normalizada a morte, falamos dos mortos como falamos de patacas. E temos que reflexionar sobre isto.  

 O humor nas tiras cómicas, por exemplo, ten unha capacidade crítica que excede moitas veces os xornais que as publican, máis atados a unha liña editorial.

Claro! Eu son consciente de que son o meu propio editor, o máximo responsábel da miña opinión. Non é nada fácil facer humor a gusto de todos, xa non che digo en temas políticos. Para min, facer humor é meterme na pel dun extraterrestre, tentando ter unha visión desde fóra e un pouco á marxe. Por exemplo, sempre fun de esquerdas, galeguista, e se teño que meterme cos meus, fágoo.

Ao longo da súa carreira atopou trabas á hora de publicar determinadas ilustracións ou chegou a autocensurarse?

Penso que máis que de censura, vivimos tempos de medo. Os propios autores renunciamos a facer certas cousas por medo, autocensurámonos. A nivel de comunicación vivimos nun momento moi cru, de moita crueldade. Eu procuro non cortarme, pero si medirme. Cos Corona Bíos pensei que había quen podía molestarse, pero foi o contrario. Recibín as grazas polas viñetas e alguén mesmo me dixo que as empregaba para explicar ao seu fillo o que está a acontecer.

Tal vez nun futuro as súas viñetas sexan empregadas para explicar estes tempos.

A intención agora, de transformalas nun libro, é un pouco iso. Que sexa para dentro de cinco, dez anos e que poidamos lembrar "aquí cagámola, aquí fixémolo ben". Unha das cousas que hai que analizar deste asunto é que temos unha gran parte da sociedade á que se non a obrigas ou se non a multas para facer as cousas ben, non as fan, e iso é preocupante. Tamén reflicto como agora se aplaude e se pon en valor o traballo das sanitarias, ou homenaxeo os repartidores que pasan o día na rúa. 

 Nunha das súas viñetas fai referencia ao 'culturismo cultural'.

Ocorréuseme cando xurdiu o amago de folga que non foi, o silencio en redes do sector cultural. Parece mentira que levemos tantos anos desde a trincheira da cultura pelexando, cando alegramos o confinamento con actuacións en directo, os cómicos facendo humor, outros debuxando e que no momento no que toca protestar algúns estean a favor e outros non. E máis nun momento no que as medidas  da Xunta para o sector son totalmente insuficientes. 

Como traballaron en Demo Editorial estes meses?

Está totalmente parada. Ían saír exemplares do prelo en abril e maio, pero non tiña sentido imprimilos para que quedasen no almacén. Son tres meses sen facturación, agardando a reactivar para cando as librarías volvan ás condicións normais. A idea do crowfunding de Corona Bíos está un pouco pensada para a editorial, para que se hai ganancias revistan nelas. É un proxecto paixonal, publicar autoras e autores galegos aquí. 

Albisca o día no que algunhas delas ou outras autoras de banda deseñada (BD) protagonicen o Día das Letras Galegas?

Non o vería nada descabelado, penso que ten ese nivel. A banda deseñada é un medio cun gran peso literario. Sen un bo guión, a historia non funciona, mais de aí a que se poida dedicar un Día das Letras Galegas a un autor de banda deseñada... tería que chover!

Comentarios