Do 1 ao 3 de xuño, en homenaxe a Paco Souto

Malpica celebra a primeira Feira do Libro de Poesía

“A Costa da Morte é poesía. Aquí formouse o Batallón Literario. E saíron poetas de gran calidade: os irmáns Villar, Modesto Fraga, María Lado... Por que non unha feira dedicada ao libro de poesía?”. Eis as razóns de Paco de Tano, presidente da asociación cultural Caldeirón, para organizar a primeira Feira do Libro de Poesía de Malpica.
 

Porto_de_Malpica
photo_camera Vista do porto de Malpica. Foto: cedida.

Esas e outra, fundamental: homenaxear Paco Souto (A Coruña, 1962-Razo, 2017), activista cultural de primeira orde, percebeiro, editor e poeta delicado. “Paco era un escritor como é debido”, sinala De Tano, “e eu tamén me considero poeta. O encontro será tamén unha homenaxe a el”. Durante tres días, do 1 ao 3 de xuño, Malpica será capital do xénero.

feira malpica

Unha lectura pública de poemas de Souto abrirá a sexta feira o certame, localizado no Mercado Municipal. Será ás cinco da tarde. Tres horas despois, Eduardo Estévez e Marta Dacosta presentarán as súas novas obras, nós-dentro (Galaxia, 2018) e Labirinto ou memoria (Caldeirón, 2018). E ás nove, Xurxo Souto ofrecerá o pregón.

“Nós queremos diferenciarnos un pouco das outras feiras que hai. Por exemplo, en Carballo teñen unha feira do libro cada vez máis grande. Pois nós facémola de poesía. Un pouco como co premio de poesía erótica”, explica De Tano. Caldeirón convoca o Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas desde 2006. As últimas gañadoras foron Andrea Nunes e María Rosendo con Diáspora de amor balea.

O sábado, a xornada comezará cun pasarrúas ás once e media da mañá. Ás seis da tarde, haberá unha proxección de Vértice de versos, documentario dirixido por Carlos Lorenzo. Despois Serxio Moreira dará unha charla sobre “a música na poesía”. Ás oito do serán, Rosalía Fernández Rial falará de Bonus Track (Galaxia, 2018). Andrés Mourente pecha o progama do dous de xuño cunha contada.

Ás doce do mediodía do domingo, Viki Ribadulla, Peter Kramer, Abraham Vila, Mon Lendoiro e Milagros Cotelo refelxionarán sobre “pintar poesía”. A primeira Feira do Libro de Poesía rematará ás sete do serán coa presentación de Ollares, de Ricardo Seixo. As librarías Chan da Pólvora de Compostela, Sisargas da Coruña e Miguens de Malpica serán as encargadas de achegar os materiais ao mercado.

“Como di un amigo meu, Malpica xa é poesía, coa praia dunha beira, o porto doutro, os cantís, as illas Sisargas”, conclúe Paco de Tano.

Comentarios