A mexicana Lydia Cacho, nomeada pola AELG 'Escritora Galega Universal' de 2023

A xornalista e escritora con raíces galegas é unha firme defensora dos dereitos humanos e activista do movemento feminista. Foi detida após publicar un libro que recollía testemuñas de sobreviventes dunha rede de prostitución infantil dirixida por políticos e empresarios.
Lydia Cacho. (Foto: Europa Press)
photo_camera Lydia Cacho. (Foto: Europa Press)

A xornalista e escritora mexicana Lydia Cacho vén de ser nomeada Escritora Galega Universal de 2023, unha distinción outorgada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Cacho, con raíces galegas, é recoñecida "desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra".

Así, a AELG salienta nun comunicado que a escritora, firme defensora tamén dos dereitos humanos e activista do feminismo, informou amplamente do feminicidio en Ciudad Juárez entre os anos 90 e 2000, e iniciado o presente século foi cofundadora do Centro de Atención Integral á Muller, especializado en atención a mulleres, nenos e nenas vítimas de violencia doméstica e sexual.

En 2005, lembra esta entidade, foi detida en Cancún por axentes da policía xudicial de Puebla, "por causas derivadas da publicación do seu libro Os demos do Edén, unha investigación que recolle os relatos testemuñais de sobreviventes dunha rede de prostitución infantil, dirixida por políticos e empresarios".

O Comité de Dereitos Humanos da ONU recoñeceu este suceso como vulneración dos dereitos humanos, especialmente das mulleres, no sistema de xustiza, ao tempo que solicitou ao Estado mexicano a reparación do delito de difamación causado á xornalista, subliña a AELG.

Na súa dilatada traxectoria Lydia Cacho escribiu máis dunha ducia de libros, desde a poesía até a ficción, derivados dos seus coñecementos e experiencias persoais. Dentro da súa extensa obra, traducida a francés, inglés, alemán, portugués, italiano, holandés, croata, sueco ou turco, salientan un manual de prevención do maltrato infantil ou ensaios sobre o tráfico sexual, a escravitude ou a pornografía infantil.

En anteriores edicións, lembra a AELG, recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia, Isabel-Clara Simó, María Teresa Horta, Mariasun Landa, José Luandino Vieira e Ana Luísa Amaral.

Comentarios