Lupe Gómez é gañadora do premio de poesía Fiz Vergara Vilariño

Lupe Gómez: "O ioga curoume moitas veces, alimentoume a nivel creativo e modelou a miña vida e escrita"

Un libro de poesía de gran perfección estrutural e estilística. Estas foron as verbas do xurado do Fiz Vergara Vilariño sobre Montaña Ioga, o poemario de Lupe Gómez que se fixo coa XXI edición do certame.
A escritora Lupe Gómez. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A escritora Lupe Gómez tamén foi galardoada no X Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro. (Foto: Alexandre Fernández Peón)

Como recibiu este recoñecemento?

Cunha emoción fondísima, porque é un premio moi entrañábel. Agora faime sentir moi unida á persoa de mirada limpa que foi Fiz Vergara. El, coa súa fraxilidade, construíu un universo poético brillante no que se reflicten a terra e o pobo galego.

Sempre lle tiven cariño a este certame.

Sobre que versa Montaña Ioga?

Os temas principais son o ioga e a natureza. O libro xurdiu no confinamento, cando quedei sen as miñas queridas clases de ioga coa profesora Julia Ferro. Logo ela xubilouse. Quixen facer un libro de ioga poético. Transformar os voos tranquilos do corpo en poemas, que tamén están atravesados polo asombro ante a beleza dos espazos rurais. Falo neste poemario das perlas ocultas no parto cósmico da terra e da voz suave do liño. Quixen estabelecer unha relación saudábel e amorosa coas palabras, aínda que seguen aparecendo versos combativos e intensos, en tensión constante coa vida.

Por que decidiu empregar o ioga como fío condutor da obra?

Practiquei ioga durante uns quince anos nos Basquiños e na Almáciga (Compostela). Curoume moitas veces, alimentoume a nivel creativo e modelou a miña vida e a miña escrita. Adquirín flexibilidade corporal e tamén verbal. Era un ioga moi natural, nada artificioso, como unha praia secreta na que a auga do mar fluía como unha canción serena. Recordo que en Camuflaxe había moitas horas de ioga, un ritmo sostido de silencio.

Foi presentado baixo o lema Auga do río Sarela.  A que se debe isto?

Intuín que ese lema tan compostelán me daba sorte ao presentarme ao premio, como se o río fose unha nota musical que acompañaba o meu esforzo, o meu traballo. A auga de todos os ríos é a miña amiga desde sempre. 

Hai lugares como o paseo do río Sarela que me acollen e me ofrecen a súa plenitude. Son persoa moi camiñante na cidade e na natureza. Quería plasmar ese dinamismo, ese fluír gozoso. Montaña Ioga ten pinceladas da Compostela máis rural e auténtica, a que me leva da man a Fisteus. Son os vellos calendarios nas paredes vellas da Ribeira de San Lourenzo. O futuro e o abandono escritos nas meixelas do río, na súa luminaria.

Recentemente, tamén recibiu o premio Leiras Pulpeiro por Muiñeira da Pinguela.

Si. Quixen facer poesía etnográfica e inspireime na miña veciña Pilara e no seu home Manuel, do muíño da Pinguela. É un verde paraíso de remotas sonoridades na miña aldea Fisteus. 

A orixe da Muiñeira da Pinguela é unha reportaxe fotográfica que fixen nos anos 90, cando era estudante de Xornalismo.

Interésame poetizar a memoria que navega intacta nas fotografías antigas. Para min, as fotos son paisaxes antropolóxicas.

Este pequeno poemario forma parte dun proxecto aberto que quere pronunciar en voz alta os nomes das veciñas labradoras, as súas voces baixas. Elas eran territorios de ampla luminosidade naquela infancia dos anos 70. Escribín Reverberación, poema dedicado a Xohana Torres, veciña nosa nun eido de robusta esperanza; e Coplas a Lola para outra veciña á que quixen moitísimo. Vou seguir desenterrando esa memoria comunal de mulleres feitas de terra e pan.

Cal cre que é a situación actual do panorama literario en galego?

Neste momento, a nosa lingua é como un animal de pel delicada. Podemos coidala, agarimala, traela para a corte, darlle de comer ou ben deixala durmir fóra, en terra erma. Logo, virán de noite os lobos e destruirán todo. O animal deixará de respirar cando a noite ladre como unha gorxa seca. Temos que estar moi coidadosamente esa corte con toxo bravo do monte, con cariño e coa inocencia das nosas mans. Todos os días, vive e latexa a nosa lingua co seu corazón de vaca salvaxe.

Comentarios