Lourenzá renderá tributo a Fernández del Riego entre o 4 e o 6 de setembro

As actividades na vila natal do homenaxeado do Día das Letras Galegas 2023 farán parte dun curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela.
Francisco Fernández del Riego (Foto: RAG).
photo_camera Francisco Fernández del Riego (Foto: RAG).

O municipio de Lourenzá, na comarca da Mariña, localidade natal do protagonista do Día das Letras Galegas 2023, acollerá entre o 4 e o 6 de setembro un encontro de tres días no que se profundará no seu legado desde diversas perspectivas. Alí, perto dunha vintena de especialistas de distintas institucións analizarán a biografía e a obra de Francisco Fernández del Riego como activista, intelectual, estudoso e escritor.

O encargado de inaugurar este foro será o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes. O homenaxeado estivo vinculado a esta institución desde 1948, primeiro como académico correspondente e, a partir de 1960, como numerario.

Unha das súas primeiras iniciativas, tal e como lembra a RAG, foi propor a creación do Día das Letras Galegas que, 60 anos despois da primeira edición dedicada a Rosalía de Castro, protagonizou el mesmo. Ademais, foi presidente da Academia entre 1997 e 2001.

A xornada inaugural continuará cun relatorio biográfico de María Dolores Villanueva Gesteira, autora de Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia (Galaxia, 2023) e colaboradora fundamental de 'Don Paco' nos seus últimos tres anos de vida.

Política e relación epistolar

O programa da segunda xornada arrincará cun relatorio do historiador Justo Beramendi sobre os anos de formación política e intelectual de Del Riego e seguirá coa mesa redonda Da República á resistencia, co académico Lourenzo Fernández Prieto, o profesor da Universidade da Coruña Uxío Breogán Diéguez e o investigador do Instituto da Lingua Galega Pablo García Martínez. A mañá terminará cunha conferencia do director da Sección de Historia da RAG e catedrático emérito da USC, Ramón Villares Paz, sobre a relación do homenaxeado coa diáspora galega en América.

Precisamente neste terreo profundará na tarde do día 5 o académico Xesús Alonso Montero nunha intervención centrada no epistolario entre Del Riego e o artista e intelectual Luís Seone. Esta xornada concluirá cun percorrido didáctico polos lugares de Del Riego en Lourenzá guiado polos seus biógrafos locais, Manuel Román e Xosé López González.

A intensa actividade epistolar de Fernández del Riego será tamén foco de atención da terceira xornada, na que se analizará o valor das cartas que intercambiou con Álvaro Cunqueiro, con Ricardo Carvalho Calero, co filólogo portugués Manuel Rodrigues Lapa e con Ramón Otero Pedrayo.

Será nunha mesa que contará coas achegas da profesora da USC Dores Vilavedra, Henrique Monteagudo e a secretaria da Fundación Otero Pedrayo, Patricia Arias Chachero, encargada da edición do epistolario entre ‘Don Paco’ e o de Trasalba que publicará proximamente a Real Academia Galega.

Curso de verán

A Real Academia Galega, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Concello de Lourenzá colaboran na organización dunha cita que, baixo o título Francisco Fernández del Riego na cultura galega do século, forma parte da oferta de cursos de verán da USC. As xornadas contan tamén co apoio económico da Deputación de Lugo, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Xunta da Galiza.

O prazo de matriculación no curso, dirixido polo académico e catedrático da USC Henrique Monteagudo, permanece aberto até o 24 de agosto. A inscrición debe formalizarse a través da páxina web da USC. A Real Academia Galega publicará posteriormente os traballos presentados neste marco no seu Boletín.

Comentarios