Lorca e Ánxel Casal, caídos un 19 de agosto de hai 80 anos

Un 19 de agosto de 1936 caía asasinado nun lugar indeterminado de Granada Federico García Lorca, e o mesmo día acontecíalle o propio a Ánxel Casal en Cacheiras, editor dos seus ‘Seis poemas galegos’. Unha iniciativa na rede recorda estes poemas e o seu autor, así como o centenario da súa primeira viaxe a Galiza.

lorca-betanzos
photo_camera Lorca en Betanzos en maio de 1932 [arquivo de Martínez-Barbeito]

Aproveitando o 80 aniversario do fusilamento do escritor español máis importante do século XX, en Galiza nas redes sociais vén de crearse unha iniciativa para recordalo. Suso Díaz, o seu promotor, vén de crear a páxina de Facebook “100 anos da visita de FGL a Galicia” no que convida os internautas a colgar textos ou vídeos recitando poemas do autor granadino. El mesmo coordinou, xunto con Helena Villar Janeiro a finais do ano pasado o libro ’66 poemas, Homenaxe a Federico García Lorca’, publicado por Biblos.

“Esta iniciativa saiu ben grazas a Biblos, que se volcou connosco, que lles gustou a idea, pero o triste é que a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago, que si que fixeron algúns actos, pero eu penso que había que facer os roteiros das visitas de Lorca a Galiza”, afirma Díaz. 

Suso Díaz: “Estou moi disgustado coas administracións, porque creo que se terían que ter volcado neste centenario. É unha data importante para Galiza e para a nosa lingua”

“Estou moi disgustado coas administracións, porque creo que se terían que ter volcado neste centenario. É unha data importante para Galiza e para a nosa lingua. O galego é máis universal grazas a Lorca, non?”, pregúntase. “Son seis poemas que están recollidos nos seus libros, que circulan polo mundo e que están recollidos por todas partes e todos os seus biógrafos falan destes poemas. E parece ser que os nosos gobernos non teñen o máis mínimo interese e non pasa nada. Así que teremos que os civís sacar iniciativas para adiante, se somos quen”. 

Centenario da 1ª visita de Lorca

En 1916 o Lorca estudante vén a Galiza con 18 anos. A súa primeira parada foi Santiago, segundo Díaz, e logo “foi en coche á Coruña, a Lugo, a Betanzos e a Ferrol”. Foi a máis importante das catro que fixo, defende o activista, porque foi a viaxe de iniciación “polo que supuxo para el descubrir Galiza, esa paisaxe que o impactou, e despois xa foi descubrir os seus escritores, a súa lírica. E logo os amigos que fixo aquí”. 

Aquí descubriu a Rosalía, a quen “adoraba”, segundo Díaz, e froito desa admiración xorde o poema ‘Canción de cuna para Rosalía de Castro morta’, un dos seis famosos versos. Logo adentraríase noutros poetas, como Curros e mesmo a poesía medieval galega. 

En 1916 o Lorca estudante vén a Galiza con 18 anos. Foi a súa viaxe máis importante, defende o activista, porque foi a viaxe de descuberta

“Coido que el intentou sentir como sentimos os galegos e temos que dalgún xeito telo presente. Sobre esta primeira visita que fixo a finais de outubro habería que facer algo”, volve insistir. “Eu estou argallando algo, pero aínda non sei se sairá ou non. E eu penso que é preciso un apoio institucional, poñer unhas placas nesas cidades onde estivo, algo que o teña presente. El tívonos presentes a nós: só escribiu en dúas linguas: en español e en galego. Os galegos témoslle que estar agradecidos  e telo na memoria”. 

Lorca fixo catro viaxes a Galiza e tamén unha a Arxentina na que foi fortemente apoiado pola colectividade galega alá: “Lorca quedou moi agradecido porque foi a primeira viaxe na que el pensou que xa era un autor de primeira.  Chegou alí e había milleiros de persoas agardándoo, os centros galegos volcáronse con el e cando regresou, estaba tan abraiado do recibimento, foi cando dixo que ía escribir poemas en galego. E aí deixou a súa pegada na nosa lingua para sempre”. Un dos organizadores fora Eduardo Blanco Amor, quen logo prologou os seus ‘Seis poemas galegos’ na edición que publicou a Nós de Ánxel Casal. “Desgrazadamente correron o mesmo destino o mesmo día”. 

Comentarios