xoves 05/08/21

Libros que nos cambian: A literatura infantil e xuvenil comprometida

Na actualidade están xurdindo moitos libros e proxectos editoriais que teñen as lectoras e lectores infantís e xuvenís como protagonistas. A literatura comprometida debe conseguir novas lectoras e, ao mesmo tempo, provocar reflexións que xeren debates e impulsen mudanzas sociais
libros
libros

" Os contos s e r v e n para que os nenos e nenas liberen os seus medos inconscientes, imposíbeis de racionalizar: medo a seren abandonados polos seus pais (medo a perdelos), medo a medrar, medo á morte... Os contos, ben escollidos e ben contados, axudan a vivir”. Así expresa a súa opinión o crítico literario Miguel Vázquez Freire no libro Da Carapuchiña ao señor Lamote. Clásicos da literatura para a infancia e a mocidade en lingua galega, publicado por Xerais, e no que recompila textos de reflexión sobre este tema que xa apareceran con anterioridade na Revista Galega de Educación entre o 2006 e o 2018. Esta cita sérvenos para xerar un debate que se está dando moito na actualidade e que ten que ver coa necesidade de iniciar á cativada na lectura. Como facelo? Cales son os mellores libros? Existen técnicas que garantan o éxito? Como incentivar sen obrigar?

Esas son as principais preguntas das mestras e das persoas que coordinan as bibliotecas escolares, unha preocupación que está tamén no xerme de moitas iniciativas editoriais que se dirixen ao público máis novo, e que teñen dúas características principais: dunha banda, conteñen a maxia e a aventura propia das grandes historias; e doutra, agochan unha mensaxe que non pasará desapercibida e que servirá para reflexionar sobre cuestións de actualidade. Velaí algúns libros que abondan neste concepto.

Os Premios Xerais

Os Premios Xerais, concretamente o Merlín de Literatura Infantil e o Jules Verne de Xuvenil, sempre teñen moi en conta este duplo obxectivo, e por iso as gañadoras deste ano trazan dúas propostas que agochan un compromiso social. Rosa Aneiros, galardoada co Merlín por Xelís, o guieiro das botellas de mar, conta a aventura dun neno que ten unha discapacidade e que debe emprender a dura tarefa de atrapar unha illa de plásticos para impedir unha desfeita ecolóxica. A autora pensa un universo que xa non é futuro, senón que se atopa no presente e invita as lectoras e lectores a actuar.

Coa mesma idea de fondo xermola Os corpos invisibles, obra coa que Emma Pedreira se fixo co Jules Verne de Literatura Xuvenil e que recupera as voces de tantas mulleres silenciadas na época vitoriana. A través da contraposición das vidas de dúas mulleres ben diferentes, a coruñesa reivindica a liberdade e o recoñecemento que sempre se lles negou ás mulleres. Unha proposta do máis acaída e atractiva para traballar a igualdade nas aulas.

Be water

Unha distopía moi real. Así se define Be water, o libro xuvenil que vén de publicar Antía Yáñez coa recentemente creada editorial Cuarto de inverno, e na que leva as lectoras a pensar sobre o valor da auga nun mundo no que cada vez escasea máis. Ao mesmo tempo, e como é habitual na narrativa da escritora de Senlleiras, a historia contén personaxes que reflexionan (e fannos reflexionar) sobre a maternidade e outros temas con perspectiva de xénero. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

comentarios