Contracultura

Leria: "Concentramos os nosos temas máis cañeiros para dármolo todo o luns no Festigal"

Helena Barreiro (batería e coros), Mayra Vila (voz e guitarra), Andrea López (teclas e coros) e Itzi de Blas (baixo e coros) son as catro integrantes de Leria, a banda gañadora do concurso Novos Valores 2023. O seu son indie pop será o encargado de abrir o Festigal o día 24, en Compostela, con temas como "Queres vir bailar?" e "Ao final".
Mayra Vila, Helena Barreiro, Itzi de Blas e Andrea López son as integrantes de Leria. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mayra Vila, Helena Barreiro, Itzi de Blas e Andrea López son as integrantes de Leria. (Foto: Nós Diario)

—Como decidiron xuntarse para crear Leria?
Helena Barreiro: Un día pregunteille a May se quería tocar na rúa as dúas xuntas, gustounos o que facíamos e así comezamos a compor. A raíz diso coñecemos a Itzi nun concerto que estaba organizando e acabou por unirse a Leria. E despois duns meses xa entrou Andrea. A verdade é que Leria non sería o que é hoxe, porque elas puxeron o broche final a todo o proxecto que tiñamos montado. Véndoo agora, cremos que cada unha de nós ten o seu cometido no grupo e non funcionaría doutra maneira.

Mayra Vila: Exacto. Leria comezou por puro pracer e diversión. Cando tomamos a decisión de probar e ir tocar á rúa, non levabamos ningunha expectativa, só pasalo ben. A raíz diso, algunhas persoas achegadas ofrecéronnos tocar en certos sitios e á xente comezou a gustarlle o que facíamos. Ademais, cando se uniron a nós Itzi e Andrea só tiñamos dous temas propios que estaban moi verdes. Só un ano e pico despois, a día de hoxe, xa contamos cunha ducia de temas propios traballados e limados.

—Veñen de lanzar "Queres vir bailar?" e "Ao final". Cal está sendo a acollida destes dous primeiros sinxelos?
H.B.: Estamos alucinando bastante. Só recibimos boas mensaxes e felicitacións de moita xente. Aínda estamos moi sorprendidas por iso, xa que ao final nunca esperas ter unha acollida tan grande, e menos sendo un grupo que só ten un ano. 
M.V.: É moi forte a verdade. Partimos da base de que a nivel Galiza non nos coñece moita xente. Xa cando sacamos o primeiro tema chegou a moitísima xente e este segundo vai polo mesmo camiño. Estamos moi emocionadas con todo o que estamos a facer e agradecemos a toda a xente que nos está apoiando. 

—Tamén foron as gañadoras do concurso Novos Valores 2023, o que dá a oportunidade de que sexan as encargadas de abrir esta edición do Festigal. Cales son as sensacións que teñen ao respecto?
H.B.: Estamos moi emocionadas e non paramos de pensar niso. Vémolo como unha grande oportunidade tanto para nós como para a nosa música.

Andrea López: Exacto, sobre todo pensamos que é unha oportunidade fantástica para darnos a coñecer ante un público novo e moito máis amplo do que estamos acostumadas. Ademais, tal e como o vemos nós, o noso directo chega a transmitir algo que non somos quen de expresar a través das plataformas nas que nos movemos cando sacamos un tema: o ben que o pasamos cando estamos as catro xuntas enriba dun escenario. Precisamente, despois dos nosos bolos, a mensaxe que máis nos chega desde o público é o bo rollo que transmitimos.

M.V.: É unha honra poder abrir o Festigal e compartir escenario con xente á que ademais admiramos. Estamos vivindo cousas como esta, que hai un ano eran impensábeis para nós, polo que temos moitos nervios, mais tamén moitas ganas. Temos a certeza de que imos dar o mellor de nós para que todo o mundo poida desfrutar e pasalo ben. 

—Poden adiantar algo do que teñen preparado?
H.B.: É difícil de dicir e ao mesmo tempo non queremos contar de máis. O único que poderíamos dicir é que estamos preparando un espectáculo para que ninguén quede indiferente. Nós só imos dar o mellor de nós, a desfrutar e a facer que a xente queira vir bailar connosco moitas máis veces!

A.L.: Ese día daremos un bolo curtiño, máis ou menos a metade do que adoitamos facer, mais imos con todas as ganas do mundo e só pensamos en tirar Compostela abaixo co tempo que teñamos.

M.V.: Claro, só temos media hora para tocar, o que recorta a máis da metade o noso repertorio. Con todo, temos concentrados todos os nosos temas máis cañeiros para dalo todo e conseguir quedarnos coa xente nese tempo. Imos a por todas, Compostela!

Comentarios