Eira das Mouras

Lendas sobre Lupa e Compostela

A Raíña Lupa, Compostela, o apóstolo Santiago e Prisciliano son protagonistas desta entrega de Eira das Mouras, a sección do arqueólogo e museólogo Felipe-Senén, que centra a súa atención nas lendas sobre o Castro Lupario. Eis un extracto do texto, publicado no número 308 de Sermos Galiza.

[Wikipedia] Castro Lupario
photo_camera [Wikipedia] Castro Lupario

3Un deses lugares míticos, de interese arqueolóxico, merecentes de maior atención é o Castro Lupario. O libro terceiro do Códice Calixtino, como xa sabemos, atribuído ao Papa Calixto II –irmán de Raimundo de Borgoña e esposo de dona Urraca, a filla de Alfonso VI– e escrito coa ansia de crear imperio, propiciar o camiño e Compostela, trata sobre a translación das reliquias do apóstolo. Nel cóntase que Lupa era unha viúva con castelo no Castro Lupario, de Veca ou de Francos, que recibiu e orientou os discípulos do apóstolo cando tentaban darlle sepultura. A régula, que xa coñecera o apóstolo e recibira o bautismo por el anos atrás na predicación de Iberia, mandounos a Dugium, Fisterra, onde foron apresados, axiña liberados milagrosamente e a cidade castigada, asolagada... despois dirixiunos ao Monte Ilicino, o Pico Sagro, onde domarían serpes e dous touros bravos que axudarían a tirar do carro co corpo santo... Tamén a Rationale divinorum officiorum, escrita en 1182 por Jean Béleth, con diferenzas, refírese a isto mesmo.

A mitolóxica Lupa relaciónase na Galiza con covas, cimas, ruínas e tradicións célticas arredor do lobo, aínda que nas raiceiras de todo mito sempre hai un principio histórico. No caso de Lupa até podería ter orixe nun xinepónimo xermánico en relación cunha matrona Liuva, o que pola contra de loba, significa pacificadora. A cuestión acae. No futuro, a arqueoloxía, quizais algún epígrafe aclarará a cuestión. Lupa puido ser unha regula castrexa galaica, romanizada como Cleopatra de Exipto, Zenobia de Palmira ou a rebelde Boudica dos celtas icenos británicos.

[Podes ler o texto íntegro no número 308 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios