AS POLAFÍAS DA AELG

Lembrando a Manuela Rey, a actriz de Mondoñedo que triunfou en Portugal

O sábado 2 de abril celébrase en Mondoñedo unha Polafía dedicada a Manuela Rey, unha actriz mindoniense que foi famosa no Portugal da segunda metade do XIX. 

polafia-manuelarey
photo_camera Imaxe de Manuela Rey

A Sección de literatura de tradición oral da AELG propón unha nova Polafía (adaptación das antigas xuntanzas nocturna para contar contos no inverno), unha revista oral que terá como tema central a figura da actriz mindoniense Manuela Rey. O acto terá lugar na Casa da Xuventude de Mondoñedo  o sábado, 2 de abril, ás 19:00 horas, e conta coas intervencións de Manuel Lourenzo, Chus Amieiro, Margarita Bermúdez, Andrés García Doural, Paco Piñeiro, Mª Paz Rodríguez Silva, Antonio Reigosa e Isidro Novo. A parte musical corre a cargo de Fran Bouso, Xulia Nogueira e Alberte Núñez.

Manuela Rey

Manuela Rey naceu en Mondoñedo en 1842. Como actriz tivo unha carreira rápida e brillante, ata converterse nunha das principais figuras da interpretación en Portugal. Morreu de tifo cando o éxito máis lle sorría, con só 23 anos. Non se sabe con certeza como Manuela chega a formar parte dunha compañía de teatro ambulante que pasaría por Mondoñedo, pero con só seis anos xa subiu aos escenarios recitando versos e facendo pequenos papeis. 

Aínda que hai outras versións da súa traxectoria, parece que Manuela chegou a Lisboa en 1856 formando parte dunha compañía española de teatro. Pouco a pouco gaña prestixio. En 1859 xa figura nunha listaxe de biografías de actores e actrices destacadas de Portugal e Brasil que se ía publicar baixo o título ‘Galería artística’, da autoría de Machado, Andrade e Ferreira. Ademais de actriz, escribiu algunhas obras, así como cartas, escritos filosóficos e apuntamentos autobiográficos.

Cando sucedeu a súa prematura morte, Manuela era a principal actriz do Theatro D. Maria II de Lisboa, o gran teatro nacional portugués. Díxose que o rei Pedro V se namorou dela, e que ao seu enterro acudiron en masa os lisboetas.

Antonio Reigosa, coordinador desta actividade,  explica neste artigo do seu blog a historia da moza. 

Que son as Polafías?

As Polafías son un proxecto nacido en 2007 da man da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG e que, con coordinación de Antonio Reigosa, ten como obxectivo recuperar usos de creación musical e literaria de carácter popular, por medio dunha adaptación das antigas xuntanzas tradicionais (fiadas, polavilas, etc.) aos tempos actuais, nos que os recursos técnicos permiten darlle un carácter estable e con garantía de futuro á creación espontánea dos asistentes.

A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora nos axudamos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de internet, para conseguir unha ampla difusión deste patrimonio.

Comentarios