ANGELES TILVE, COMISARIA DA EXPO 'MEU PONTEVEDRA'

“O Álbum Nós é a obra cumio de Castelao”

O pasado día 28 inaugurábase en Pontevedra a segunda exposición dedicada a Castelao, que celebra os 100 anos da súa chegada a esta cidade, onde viviu até o golpe do 36. Falamos coa comisaria da mostra, Ángeles Tilve, que fala con paixón do autor rianxeiro e nos conta como atoparon os orixinais desaparecidos do Álbum Nós. 

angelestilve
photo_camera Ángeles Tilve, comisaria, con Xosé Leal, deputado provincial de Cultura, diante da exposición 'Meu Pontevedra'

- Canto levabades buscando os orixinais do Álbum Nós de Castelao?
- Pois desde sempre, e apareceu como soe pasar con estas cousas, cando menos o agardas. A primeira vez que o vin fisicamente foi o 3 de marzo. Nós contactáramos con moitos posibles propietarios. Cando empezamos a traballar na mostra pensabamos dar a visión de Castelao da súa relación con Pontevedra, as relacións persoais que estableceu coa xente de aquí. Tratamos de localizar só debuxos e acuarelas senón tamén cartas e fotos. A min gústame investigar a través das cartas, porque atopas moita información persoal. Entón a través das súas cartas empezamos a buscar nestas familias que puideron herdar todo isto. Chamamos a un feixe de sitios e puxémonos en contacto con moita xente, que nos achegou moita documentación e obxectos que hoxe quedan solapados diante do Álbum Nós, pero que é moi interesante. Pero atopamos os carteis das primeiras candidaturas galeguistas, algúns inéditos, moitas cousas. Entre elas, chamamos a unha familia en xaneiro e non tivemos máis noticias, e en marzo trouxéronnos unha carpeta, pero sen darlle importancia ningunha. O meu compañeiro, tamén comisario e máis eu, non dabamos creto. Era dunha persoa que tiña unha relación afectiva moi importante con Castelao, por iso tampouco el os reclamou nunca, porque sabía onde estaba e el era unha persoa que controlaba moito onde estaban os orixinais. A familia sabía que o seu pai e avó tiña con moito cariño iso gardado, pero esa persoa morreu en plena dictadura, e o Álbum quedou esquecido e as persoas que o teñen son alleas completamente ao mundo da arte e á polémica suscitada en torno a isto. E esa foi a grande sorte do Álbum, porque está perfectamente conservado. Eles non sabían o que tiñan.

O Álbum Nós e os álbumes da guerra son a expresión máxima do que Castelao quixo mostrar. Sería o soño de calquera museo ter ese álbum, pero é decisión dos seus donos deixalos depositados aquí ou non. 

- Quen son?
- Eles quedaron descolocados, eran totalmente alleos ao tema. E eles queren permanecer no anonimato porque están desbordados pola trascendencia. A verdade é que estamos encantados porque tanto eles como outros propietarios portáronse moi ben prestando as pezas para a mostra. Xa se ve a través das cartas, Castelao tiña que ter unha personalidade arrolladora, porque mesmo persoas que politicamente despois estiveron sempre moi afastadas del gardaron sempre as súas cousas co agarimo dun amigo. Iso chamoume moito a atención, porque o tiñan medio agochado pero para gardar, non para tirar. Algúns dos carteis que hai na mostra nunca pensei que os tivera gardados quen os tiña. Carteis políticos, he?

- Xente que logo se pasou ao franquismo?
- Castelao sempre mantivo relación con amigos aínda que rompera con eles politicamente. Por exemplo, con Sánchez Cantón. E iso vémolo nas súas cartas. Nunha delas Cantón felicítao polo éxito do 36, e Castelao respóndelle contándolle que ten malos presentimentos, que cre que a cousa se está poñendo mal, previo á Guerra. É emocionante porque eu levo 30 anos no Museo e estamos afeitos a traballar con Castelao, e a pesar diso, sorpréndeche cada cousa que atopamos. A expo foi dura nese sentido, porque este personaxe é grandísimo. O carisma persoal que debía ter queda moi claro na correspondencia. Cen anos despois estamos preparados para ver o personaxe en toda a súa dimensión e creo que o engrandece aínda máis. 

Castelao tiña que ter unha personalidade arrolladora, porque mesmo persoas que politicamente despois estiveron sempre moi afastadas del gardaron sempre as súas cousas

- Que vai pasar con estes orixinais despois do 11 de setembro, cando remate a mostra?
- De momento non sabemos nada. Eles están contentísimos coa trascendencia do achado. Eu penso, porque me parecen persoas moi sensatas, que algo farán nese sentido: depositalas ou algo así. E vista a trascendencia non creo que en ningún momento pensen en especular co tema. Parécemo, pero non podo falar por eles. 

- Que importancia poderían ter estes orixinais dentro do conxunto da obra de Castelao que atesoura o Museo de Pontevedra?
- Iso sería xa o sumum. Nós temos máis de 1000 orixinais de Castelao. Castelao depositara once orixinais no Museo, que chegaron a estar incautados na Guerra. El e Cantón tiñan a idea de crear un museo da arte galega e de darlle cabida aos creadores novos, por iso cando abre el deposita once estampas, que son orixinais de técnica mixta, e tamén outros artistas da época como Arturo Souto, Maside e outros. Ese era o fondo do Museo. A Castelao impóñenlle unha multa altísima por responsabilidades políticas e a idea dos fascistas era subhastar todo o que tiña, obra e mesmo leiras da súa familia, para pagar esa multa. Pero lograron paralizar a subhasta das obras por tres veces, grazas a amigos de Castelao dentro do réxime, que fixeron entender que eran obras de interese e conseguiron que seguiran no Museo. Logo cando morreu Castelao veu a viúva e deulle todos os dereitos ao Museo. Desde aquela hai preto de mil e logo os álbumes da Guerra deixounos en Arxentina coa indicación de que non podían volver a Galiza até que estivese o Estatuto en vigor. Logo foi unha persoa que deixou todo ben establecido e os amigos aos que deixou o seu legado cumpriron cos seus desexos. O Álbum Nós e os álbumes da guerra son a expresión máxima do que Castelao quixo mostrar. Sería o soño de calquera museo ter ese álbum, pero é decisión dos seus donos deixalos depositados aquí ou non. 

Algúns dos carteis que hai na mostra nunca pensei que os tivera gardados quen os tiña

- Son galegos?
Si, da provincia de Pontevedra, e non foi afastados da cidade, non podo dicir máis. 

- Volvendo á exposición, da que es comisaria, cales son as pezas máis salientables?
- Posme nun compromiso, hai moitas. Nós na mostra quixemos amosar, mesmo antes de atopar os orixinais, o Álbum Nós, porque é a obra cumio de Castelao, porque xa o di el no prólogo, quere remover as conciencias e crear conciencia de Galiza. El pasa de facer óleos de gran tamaño que só chegaban ás elites, e comeza a crear orgullo de ser galego a través de amosar os seus problemas. Deixa todo iso, ser un pintor, para dedicarse a Galiza, e empezamos a ver todo obra pequena, pero con moita intención. Buscamos amosar as cousas máis inéditas e descoñecidas que deixan claro que é un debuxante excepcional. 

Comentarios