Contracultura

José Perozo: "Presentar o corpo como unha arquitectura orgánica paréceme un paralelismo interesante"

José Perozo (Vigo, 1979) inaugura 'Antropotectura', unha exposición que estará aberta ao público na galería Monty4 (A Coruña) até o 2 de febreiro e que aborda a relación da arquitectura co corpo humano.
O artista José Perozo elaborando algunhas das súas pezas. (Foto: Tacho Jiménez)
photo_camera O artista José Perozo elaborando algunhas das súas pezas. (Foto: Tacho Jiménez)

—Por que esta mestura de arquitectura e bioloxía?
É unha evolución do que viña facendo. Sempre traballo cunha mestura do humano e o arquitectónico. Tiven varias exposicións que seguían esta liña e neste caso hai algúns cambios técnicos, xa que a idea era darlle unha base algo máis antropolóxica ou sociolóxica. Que non fora só unha figura humana física. É un nome que sona un pouco forte, mais pareceume que definía perfectamente o que quería dicir. Tiña varias opcións, entre elas Biotectura, que me soaba máis amábel, pero lembraba máis a arquitectura biolóxica. Tamén coa comisaria, Noelia Martínez, falamos sobre estas opcións e pareceunos que Antropotectura era o que tiña que ser. 

—Nesa mestura hai un sentido literal, mais tamén vai máis aló, incluíndo algunhas pezas referidas ao fogar.
Gustoume esa idea porque son pezas pensadas para asomarse dentro delas. Son casiñas ocas nas que hai un espazo habitábel. Non son só corpos mesturados ou construídos como edificacións, que son as dúas formas diferentes que teño de estruturar esta idea. Estas pezas creaban dentro un espazo no que poderías entrar, se foses unha persoa moi pequena claro, e de aí esa idea de fogar, de estar nun lugar recollido.

Hai anos, en 2017, fixen a miña primeira exposición, Bastións, e empecei facendo só edificacións. Pouco a pouco fun metendo a figura humana polo medio e desde entón sigo tirando desa idea. Creo que aínda teño moitas cousas que probar. Parecíame unha metáfora moi boa a de habitar un corpo, que non deixa de ser o que facemos co noso propio corpo físico. Non vou dicir que é onde habita a nosa alma, porque non son crente, mais si é onde habita a nosa consciencia, a nosa mente. O feito de presentar o corpo como unha sorte de arquitectura, orgánica, paréceme un paralelismo interesante.  

—Como é traballar con materiais tan dispares como a madeira e o cemento?
A nivel técnico é a novidade da exposición porque eu nunca traballara cemento. Levaba un tempo pensando que é un material que asociamos moito á construción e que tiña sentido probar a incluílo nas pezas que fago. Decidín probalo neste último ano e quedei moi contento co resultado.

Tampouco quería centrarme só neste material e falando coa galería nas primeiras reunións que tivemos saíu o tema de que tipo de escultura pegaría con ese lugar. Monty4 tamén é un estudo de arquitectura, polo que falamos de incluír como elementos principais a madeira e o cemento, non só polos materiais en si, senón tamén polas cores. No caso das pezas que falabamos antes, Fogar, son de madeira e cerámica, e hai outras pezas que son de cemento e resina, que neste caso faría a función do cristal, porque é transparente. É certo que non son materiais doados de mesturar, mais hai que buscar a técnica e ir probando que funciona e que non. 

—Ademais, hai un contraste porque o cemento está presente nas representacións da bioloxía, mentres que a madeira conforma as partes relativas á arquitectura.
A verdade, non o pensara así, mais é unha idea interesante. Non usar o evidente para o que é evidente. A cuestión é que eu cando traballo é que me gusta ser bastante intuitivo, conceptualizo as cousas a posteriori. E tamén estou totalmente de acordo con esa idea de que é a persoa que mira quen completa a peza. Hai persoas que te dan unha interpretación dela que non pensaras, mais que te dás de conta de que é lóxica. Que é coherente co que fixeches, mais que non a pensaras.

E nese sentido a acollida está sendo moi boa, recibín moi boas críticas, tanto por parte do público xeral como de colegas de profesión. Ambos son dous aspectos que me importan moito, non quero darlle máis valor a un que ao outro. Esta vez tamén quedei moi contento coa instalación en si porque, ademais das pezas, incluín partes de proceso e restos das tallas en diálogo coas propias pezas.

Comentarios