Sermos 228

Jorge Mira: "Eu vivo para isto"

Mediático, prolífico, adicto ao traballo... Jorge Mira é probabelmente a cara máis coñecida da ciencia na Galiza, e aínda que a súa actividade máis visíbel sexa a de divulgador, reivindícase como investigador. Entrevistámolo no número 228 do semanario Sermos Galiza, xa á venda nos quiosques e na loxa. Eis un extracto da conversa.

foto_portada

Vés de ser elixido académico correspondente da RAG por ter creado un modelo que reproduce a evolución histórica do número de falantes de galego. Isto non é exactamente física, non? 

É, é, isto é unha liña de investigación que puxen en marcha no ano 2003. Na física existe unha subárea que versa sobre a busca de patróns no comportamento colectivo de sistemas sociais. Cada ser humano é unha persoa dotada de libre albedrío, pero colectivamente se un considera Galiza coma un gas de 2,8 millóns de átomos, cada un coa súa propia especificidade, pero nese ente colectivo, cando o miras desde a distancia, agroman propiedades que son debidas ao feito de estarmos nun colectivo. Hai unha serie de regras que nos manexan, e isto afecta tamén á escolla do idioma.

7Partindo dunhas hipóteses básicas, que consisten en saber como é a presión que cada individuo sofre para cambiar de idioma, unha percepción do status que cada persoa lle atribúe a cada lingua, e tamén un parámetro que mide a distancia entre as dúas linguas, saquei un sistema de ecuacións diferenciais que dun xeito bastante espectacular reproduciron a evolución histórica, as porcentaxes de galego e castelán bilingües ao longo do último século, dun xeito extraordinariamente preciso. Este modelo ten éxito e, polo tanto, se funcionou para definir o pasado, cabe pensar que tamén vai poder definir o futuro.

As predicións que fai este modelo chegan á mesma conclusión que os sociolingüistas?

Non sei exactamente como son de exactas as precisións sociolingüísticas, porque a sociolingüística habitual baséase en certas estatísticas e en liñalizacións moi suaves, non hai unha contundencia cuantitativa, que é a miña achega esencial. Con este método o que saco son parámetros que definen o sistema de dous entes, galego e castelán, que compiten. Así, un pode estabelecer un mapa de estabilidade que di que, a medio prazo, o grupo de galegos monolingües vai quedar nunha franxa residual, vai quedar un grupo bilingüe, non se vai extinguir, pero vai quedar bastante baixo. Aínda que se realmente cambiasen os parámetros e se o prestixio do galego caese un pouco máis, entraría nunha zona na que xa non habería estabilidade para el. Está aí nunha fronteira.

[Podes ler a entrevista no Sermos 228, á venda nos quiosques e na loxa]

Comentarios