Jaione Camborda, a gran triunfadora no Ourense Film festival por 'O corno'

Con sete documentais e catro filmes de ficción a calidade nesta primeira competición foi “excelente”. O xurado formado por Ángel de la Cruz, Estíbaliz Veiga e Conchi Iglesias anunciou esta sexta feira os gañadores, que recibirán o premio na Gala de Clausura que terá lugar o sábado 7 no Auditorio Municipal de Ourense ás 19.30.
Jaione Camborda, directora de 'O corno' (Foto: OUFF).
photo_camera Jaione Camborda, directora de 'O corno' (Foto: OUFF).

A posta en marcha en 2023 da sección competitiva galega era a gran novidade do Ourense Film Festival (OUFF), que pretende “pór en pé de igualdade esta sección respecto da xa consolidada competición internacional”.

Con sete documentais e catro filmes de ficción a calidade nesta primeira competición foi “excelente”. O xurado formado por Ángel de la Cruz, Estíbaliz Veiga e Conchi Iglesias anunciou esta sexta feira os gañadores, que recibirán o premio na Gala de Clausura que terá lugar o sábado 7 no Auditorio Municipal de Ourense ás 19.30.

O Corno, a piques de estrearse en salas comerciais, foi a gran triunfadora do certame, co Premio Xacobeo á Mellor Película e o recoñecemento para a súa directora Jaione Camborda co Premio Ourense Film Comission á Mellor Dirección.

Despois do éxito logrado coa Cuncha de Ouro en Donostia, o OUFF recoñece na Galiza unha película en lingua galega, con gran parte do equipo galego, o filme protagonizado por Janet Novás.

O xurado destacou de Camborda “o uso innovador do punto de vista narrativo, xunto ao uso do son e o silencios, as metáforas visuais, e o risco na planificación e na posta en escena, ademais da magnífica e orgánica dirección de actrices e actores”. No caso do Premio Xacobeo á Mellor Película, sinalou a “sensibilidade para tratar temáticas que ao longo da historia mantiveron ás mulleres silenciadas, desde unha perspectiva feminina e feminista, acometendo o relato desde unha estrutura clásica e naturalista pero ao mesmo tempo rompendo co academicismo e transportando ao espectador desde a dor á felicidade nun magnetismo difícilmente esquecíbel”.

Mellor interpretación

O Premio á Mellor Interpretación foi para Nathalie Poza, protagonista xunto a Javier Gutiérrez de Honeymoon. Un filme de comedia negra e certa dose de drama dirixido por Enrique Otero. O xurado valorou o “deseño do arco do personaxe e unha boa escolla das circunstancias dadas para verter no traballo final unha interpretación con tantas capas que nos fai viaxar con ela”.

O xurado, tamén destacou, cunha mención especial, o documental Florencio na terra de Domingo D, Docampo, sobre Florencio Delgado Gurriarán, “por visibilizar a valía dos autores en lingua galega, polo valor pedagóxico, histórico e cultural e a orixinalidade da proposta misturando animación e documentación real”.

Comentarios