Ismael Ramos: "A nai sae no meu relato para ser conscientes de que a LGTBfobia afecta a todas as persoas"

O xurado da V edición do Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey, do Concello de Fornelos de Montes, escolleu o artigo Mentres tanto dáme a man do poeta, profesor e columnista Ismael Ramos como a obra merecedora do galardón este 2022. O texto, publicado por Nós Diario tanto en formato dixital como en papel, incide dunha maneira literaria e en primeira persoa no problema da violencia que se exerce na actualidade contra o colectivo LGTB. 

O poeta e profesor Ismael Ramos levou o galardón cun artigo titulado 'Mentres tanto dáme a man' (Foto: Nós Diario).
photo_camera O poeta e profesor Ismael Ramos levou o galardón cun artigo titulado 'Mentres tanto dáme a man' (Foto: Nós Diario).

Como definiría o seu texto que fuxe dos estereotipos xornalísticos para adentrarse no universo literario e dar a coñecer un tema de actualidade?

Como todos os textos de opinión, tal e como eu os abordo, é un texto vivencial. Cando un traballa con ese material é case imposíbel que non entre en xogo esa matiz literaria ou esa maneira de querer contar as cousas. Ao procurar contar algo acaba por entrar en xogo esa idea de crear unha historia e un determinado ambiente. Para min o máis importante é esa parte vivencial, o que hai da vida no texto.

Parte nel dunha experiencia real e persoal?

Neste caso é unha realidade propia. Sempre que escribo artigos e tamén cando fago literatura sempre acabo atopando experiencias que me unen con máis xente. Aínda que estean enunciadas por un “eu” son case propiedade, case, dun “eu” colectivo. Neste caso igual. Para min o máis importante non foi relatar unha anécdota concreta que me acontecera a min, senón darlle un ambiente de universalidade, de colectividade.

Sobre todo tentar achegar a aquelas lectoras e a aqueles lectores que non están familiarizados co tema, ese medo, ese odio e rabia que contén o tema do texto. Por ese motivo aparece o tema da nai, para sermos conscientes de que os crimes de odio, a LGTBfobia, non é algo que afecta a unha minoría senón que é algo que nos afecta a todos.

Os medios de comunicación tratan ben esta cuestión?

Nestes momentos existe unha situación de maior visibilidade. Posibelmente porque o colectivo está facendo máis ruído. Iso non quere dicir que os medios de comunicación nos axuden a artellar un discurso ao redor de todo isto. Non é só importante "cubrir" os casos senón sermos quen de artellar un discurso sobre o que hai tras eses casos e que tipo de violencia subxace en todo isto. 

Non é tanto, e iso aparece no artigo, de como nos tratan por exemplo os medios de comunicación senón de como nos trata a xustiza, o propio sistema. Para min, nese sentido, si que os medios teñen que axudarnos a artellar un discurso que faga visíbel as eivas da propia xustiza, do Estado español e da nosa sociedade en xeral. Neste aspecto queda moito camiño por andar. 

No artigo critica o papel da xustiza. Non se aplica a lexislación contra os delitos de odio?

Acontece en xeral cos crimes de odio, teñen un compoñente fondamente ideolóxico. Non son só mediáticos. Ese mesmo compoñente ideolóxico crea un discurso que acaba chegando á xustiza. Un exemplo clarísimo disto é todo aquel debate sobre se o crime de Samuel Luiz era homófobo ou non. Rematou esvaecéndose ese tema, e en realidade o que aconteceu foi un delito de odio.

Cal é a razón de que se discuta se é ou non un delito de odio? Aí  é cando a xustiza non é cega, cando o sistema non é cego. O sistema e a xustiza están pensados para a maioría e nós non somos a maioría. Iso marca unha diferenza importante. 

O artigo non funciona só ao redor do tema da homofobia, realmente funciona ao redor dos delitos de odio. Neles existe un compoñente ideolóxico clarísimo. O feito de que exista ese compoñente ideolóxico inhabilita as ferramentas da xustiza e do Goberno. Fronte a iso temos a nosa voz, da xente, dos colectivos que cada vez que se comete un delito de odio saímos á rúa tecendo unha rede de afectos e de actos en lugares seguros.

Artigo completo neste enlace

Comentarios