Cultura

Música para o confinamento: as 7 cancións de Ismael Ramos, poeta

Propoñemos a persoas con diferentes perfís que partillen coas lectoras de Nós Diario sete cancións para escoitar nestes días de quedar na casa pola crise do coronavirus. 
Ismael Ramos. Xaneiro de 2018.
photo_camera Ismael Ramos.

"Fai sol e abrimos as ventás. É un pouco coma estar fóra. Nunca escoito música cando escribo, mentres estou diante do ordenador. Escoito música case sempre o resto do tempo. Se fai sol e abrimos as ventás é case coma estar fóra. Se é domingo ou festivo e non hai coches —parece a fin do mundo— case se pode oír o mar por enriba da música. E entón podemos non facer nada ou bailar, tanto ten. Estas sete cancións estaban alí esa mañá, coma aparicións, coma recordos de amigas ou cartas".

Quen fala é Ismael Ramos, poeta. Convidado a escoller sete cancións para estes días de corentena no Nós Diario, o autor de Os fillos da fame (Xerais) e Lumes (Apiario) lévanos de viaxe a través da música e das emocións. 

12:21, de Yana Perraul. "Descubrina a inicios de febreiro", conta, "e acompáñame obsesivamente dende entón. Hai un momento, no retrouso da canción, en que se di oxalá o mundo non estivese rematando. Estes días moitxs descubrimos que aquel desexo tan ansiado de quedar na casa e erguerse tarde cada día, aquel estado de excepción, da fin da rutina, tiña tamén as súas arestas".

Senza un perché, de Nada, "supoño que é un deses temas que aparecen case sen querer e que encaixa en calquera situación. Ten ese algo de melancolía de sófa, coma o libro de Luisa Castro, que pode ser triste, alegre e ferirnos con lixeireza".

"Big Thief leva sendo a miña banda sonora para todo nos últimos meses. Escollo Masterpiece por ser unha das miñas cancións favoritas deles, por esa letra misteriosa coma un xogo de espellos".

Bloody Mother Fucking Asshole, de Martha Wainwright, "acompáñame dende que teño 16 ou 17 anos. É un himno para estes días ou para outros calquera. Poetry has no place for a heart that's a whore, e aínda así seguimos cantando".

"De Rita Indiana gústame todo (música, libros, performance). Pásame a buca prende a mecha para celebrarmos pese a todo, pese ao traballo –estes días en que se demostra cales son xs traballadorxs precarixs que sosteñen o mundo–, pese aos ertes, pese a que nos volvan mentir outra volta (uns e outros), pese a que nos volvan chamar pigs en Europa... Hai momentos nos que simplemente tanto ten".

"De Dua Lipa poría enteiro Future nostalgia, o seu último traballo, que penso que é a escusa perfecta para bailar no cuarto, no salón, na cociña, onde sexa. E porque para moitos seguramente será un pracer culpable recoñecer que é un discazo".

"Pecha a listaxe playground love, unha canción do último de Josef Salvat sobre non ter medo de amar e ser amado. Oxalá cando isto remate a xente se queira e se coide máis. Oxalá a xente esixa que ese sexa o centro do debate".

Para poder escoitar todas as cancións seguidas, aquí a listaxe: 

Comentarios