sábado 29/01/22
CRÍTICA DE CINEMA

'O irlandés', por Andrés Castro

Frank "O irlandés" Sheeran foi un asasino a soldo da mafia italo-americana da costa este dos EUA que aprendeu o oficio servindo en Italia durante a Segunda Guerra Mundial. Agora que é vello lembra a súa vida marcada pola súa participación activa dentro da familia Bufalino e a amizade que tivo con Jimmy Hoffa, líder sindical e activista que desapareceu misteriosamente a finais de xullo de 1975.

irlandes1

Desde a década dos 90, Martin Scorsese acostuma a que as súas longas de ficción non duren menos de dúas horas. O irlandés chega as case tres horas e media. Resulta curioso que, nos tempos que corren, nos que a inmediatez e o ritmo machucón mandan, un filme tan extenso, por riba dirixido a unha plataforma streaming (aínda que se estreara en cinemas), consiga que pase coma un suspiro... Pero claro, a maioría do equipo técnico e artístico que está detrás ten, desde hai tempo, unha praza reservada no Olimpo do sétimo arte.

Steven Zaillan (Óscar por A lista de Schlinder) adapta a novela de non-ficción escrita polo fiscal e investigador Chalres Brandt titulada: Escoitei que pintas casas. Recolle as memorias de Frank Sheeran, un matón da mafia italo-americana que executaba os traballiños encomendados pola familia Bufalino e que tivo unha participación activa na misteriosa desaparición de Jimmy Hoffa.

Frank Sheeran (Robert de Niro), alcumado “O irlandés”, é un tipo honesto ao que non lle custa obedecer ordes. Mentres exercía de transportista fixo boas migas con Russell Bufalino (Joe Pesci), o xefe da mafia de Pittston, Pennsylvania. Pronto se gañou a confianza da familia e comezou “pintar casas” (matar) e tamén a “facer traballos de carpintería” (desfacerse dos corpos). Pouco tempo despois labrou unha grande amizade con Jimmy Hoffa (Al Pacino), o poderoso líder sindical do sindicato de camioneiros.

Ao luxo de contar con Pacino, de Niro e Pesci xuntos, hai que sumarlle a presenza de Harvey Keitel (Taxi Driver), Anna Paquin (O piano), Jesse Plemons (O vicio do poder) ou incluso Steve van Zandt “Little Steven”, o guitarrista da E-Street Band de Bruce Springsteen. Espectacular.

A historia comeza nun asilo onde “O irlandés” pasa os derradeiros anos da súa vida. Alí comeza rememorar a súa apaixonante vida de matón a soldo. Scorsese desprega entón un enorme flash-backs alternado con flash-forwards e máis flash-backs dentro de flashbacks. O quebracabezas vai tomando forma compoñendo un fascinante drama épico sobre a mafia tan profundo e brutal como apaixonante e divertido.

Para dar credibilidade aos saltos temporais, recorreron á maxia de Industrial Light & Magic (ILM) para adaptar os rostros dos actores e actrices a cada período temporal no que se desenrola a acción. O acabado visual é absolutamente brillante, en parte tamén, porque Scorsese fixo fincapé para que a actuación corporal fose acorde coa idade que representaban en cada ocasión. Os departamentos de maquillaxe e perruquería deben estar a tremer...

Após O lobo de Wall Street, Scorsese volve contar con Robbie Robertson para a banda sonora e, por suposto, con moitos e moitas do seu círculo de confianza: a fantástica montaxe de Thelma Schoonmaker (3 Óscars con Scorsese por Toro salvaxe, O aviador e Infiltrados); a espectacular fotografía do mexicano Rodrigo Prieto (Silencio, O lobo de Wall Street); ou a deseñadora de vestiario Sandy Powell (gañadora de 3 Óscars, un con Scorsese por O aviador e nomeada por Gangs of New York e A invención de Hugo).

Após do da Roma de Cuarón, salta á palestra outro filme “orixinal de Netflix” cunha morea de papeletas para optar a varios Óscars. Gañe ou non, a plataforma streaming xa ten asegurada publicidade e cartos para poder seguir con esta estratexia, que lle vai tan ben, de producir un ou dous filmes bos ao ano (neste caso “excelente”) e o resto de oferta cinematográfica cubrila con medianías e filmes de recheo. Visto o visto quizais o trato non sexa tan malo...

The Irishman

(EUA 2019, 209 min.)

Director: Martin Scorsese

Guión: Steven Zaillian

Fotografía: Rodrigo Prieto

Música: Robbie Robertson

Elenco: Robert De Niro, Al Pacino, Joe Pesci, Harvey Keitel, Anna Paquin, Jesse Plemons, Bobby Cannavale, Ray Romano, Kathrine Narducci, Stephen Graham, Jack Huston, Domenick Lombardozzi, Steven Van Zandt

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

'O irlandés', por Andrés Castro
comentarios