Contracultura

Henrique Rabuñal: "Interésame relatar unha paisaxe conflitiva"

O caderno de verán Máis, que acompaña Nós Diario, achega desde esta terza feira ao sábado o relato inédito O retrato, que Henrique Rabuñal escribiu en exclusiva para este xornal. A través de cinco entregas, Rabuñal reflexiona sobre a política e afonda nas diferenzas entre as imaxes e a realidade.
O escritor Henrique Rabuñal afonda no relato que desde hoxe ao sábado se poderá ler no caderno 'Máis' (Foto: Eduardo Castro Bal).
photo_camera O escritor Henrique Rabuñal afonda no relato que desde hoxe ao sábado se poderá ler no caderno 'Máis' (Foto: Eduardo Castro Bal).

—Neste relato fala vostede dos pasos para comezar un retrato e da sensación de que nunca está rematado. Como se relaciona isto co proceso de escritura?
A relación é clara. A arte da pintura e a da escrita teñen moitos parangóns. Os textos nunca se rematan totalmente pois, como dicía un gran escritor, dos textos un acaba descansando, mais poderían ter unha elaboración indefinida. Neste texto, o punto final pode ser conflitivo porque o retratado busca un tipo de retrato e o pintor ofrece dúas formas de facelo. O final é un pouco ambiguo porque non acabamos de ser o que cremos ser. É certo que a historia sitúa a cadaquén no seu lugar. A literatura, o pensamento ou o ensaio fan un labor semellante de recolocar as pezas.

—Un dos eixos argumentais é a realidade política. Considera que é unha temática ben representada na literatura?
A literatura galega, para ser un país demograficamente pequeno, é moi diversa. Practicamente todos os xéneros e subxéneros teñen algún tipo de representación. A análise política ten tamén certa presenza. Quizais podería ter máis, mais hai moitos exemplos que corroboran o interese pola política. 

—Entón por que elixiu vostede esta temática?
Porque eu, aínda que son arteixán de nacemento, levo corenta anos vivindo na Coruña e non podo nin quero abstraerme dos acontecementos e persoeiros políticos de importancia na cidade. Ese interese pola política máis próxima é o que me levou a escoller un personaxe moi emblemático da política coruñesa das últimas décadas como un dos protagonistas. 

—O texto dá comezo cunha cita de Píndaro que di: “Aprendede a limitar as vosas ambicións; é un funesto delirio suspirar polo que non se pode ter”. Por que?
O meu relato intenta estabelecer ligazóns con outros textos da historia da literatura galega. En concreto con Rafael Dieste, que citaba tamén a este mesmo autor. Nesta cita hai xa unha mensaxe, advertencia e código ético que se transmite para que o lector teña en conta na lectura e que, dalgunha maneira, guía o texto. 

—Unha das premisas da historia é que non é posíbel fiarse dun retrato. A que se debe esta  metáfora?
Ao longo do relato dise que cos retratos hai que ter certa precaución porque en certa medida, como acontece con moitas formas de arte, o retrato pode ser un labirinto, unha ocultación, unha mestura de elementos... A min gústame moito estimular a perspectiva crítica. Non temos que crer o que vemos porque, ás veces, hai que aprender a mirar as cousas de maneira que se observe o que non é tan evidente. Iso pasa tamén cos propios retratos; ocultan cousas, acentúan outras... 

—Un dos protagonistas é un alcalde ao que semella preocuparlle a imaxe que del vai quedar na historia. Cre que é unha preocupación recorrente na actualidade?
Eu creo que en xeral os políticos de raza sempre estiveron moi interesados en condicionar unha lectura do seu labor político. Fronte á imaxe que un quere deixar de si mesmo, hai lecturas diferentes. A visión que temos dalgúns persoeiros vai mudando co tempo a medida que se descobren cousas sobre eles. Nunha sociedade democrática espero que un non teña a capacidade de monopolizar o relato. O relato é algo que se constrúe con moitas voces, moitas pezas, moitos protocolos... 

—Hai algo da realidade que lle gustaría retratar dunha forma diferente?
Non especialmente. A min o que me motiva neste texto é meterme nunha paisaxe conflitiva e nun territorio ambiguo. Ese territorio onde as cousas no son o que parecen e as xerarquías están alteradas resúltame algo moi estimulante. Cada vez estou máis convencido de que moitos relatos que se nos ofrecen poden ser corrixidos, contestados e obxecto de debate.

Comentarios