ENTREVISTAMOS ALBERT PLA

"Intentei escribir cancións para nenos en castelán, mais sáenme de terror"

O Auditorio da Galiza (Compostela) acolle hoxe ás 20.30 horas a representación de Miedo, o último espectáculo de Albert Pla. Acompañado da fama de entrevistado difícil, o catalán  móstrase encantador con Nós Diario, quizais por ser preguntado sobre cultura e non polo monotema de Vox ou pola independencia.
MIEDO MUERTE 02
photo_camera MIEDO MUERTE 02

—Albert Pla estará hoxe en Compostela logo dunha importante xira que comezou en Bos Aires, país do que é orixinaria a produción. Por que marchou traballar para a Arxentina?

Tecnicamente eu non marchei traballar para a Arxentina, propuxéronme facer esta produción estando alí, que foi da man do Teatro Regio de Bos Aires. Ademais, todas as imaxes que se proxectan no espectáculo están baseadas nuns pintores arxentinos, bastante famosos alí, que se chaman Mondongo.

—O nivel das artes escénicas na arxentina en particular, e en Latinoamérica en xeral, é maior, menor ou similar a nivel de profesionalidade e creatividade?

Non podo dicir quen vai por diante ou quen vai por detrás, pero si que é certo que na Arxentina a xente vai moito o teatro, e no Estado español non tanto. Teñen unha tradición teatral moi arraigada, con moitos teatros funcionando.

—Hai moito traballo a nivel de respaldo tecnolóxico en Miedo. Son o futuro esas novas tecnoloxías?

Eu xa tiña traballado con proxeccións bastante sofisticadas no meu anterior espectáculo, Guerra, que fixera con Fermín Muguruza da man de Nueve Ojos, un estudo de Barcelona que traballa moito con iso. Mais tiven a impresión de que quedamos a medio camiño, dadas as moitas posibilidades que ofrecían, como crear personaxes que parece que estean en directo, meterte no polo norte, subir escaleiras, remar nun lago, caer por un precipicio, voar... resulta xenial poder facer todas esas cousas enriba dun escenario, e por iso decidimos facelo, era o momento, todo cadraba.

—O título do espectáculo é Miedo, que a produtora define como “unha viaxe íntima por todas as etapas do home, desde a infancia até máis aló da vida terrea, co medo como eixo nuclear”. Como se constrúe unha narrativa a través dese sentimento tan humano, mais tan temido?

O concepto era o propio medo, que medos temos e como podemos falar deles. Así comezaron a saír moitas cousas en imaxes, efectos dixitais, música... e todo iso artellado cronoloxicamente empregando a vida dunha persoa como fío condutor.

—Nese fío condutor a primeira etapa é a infancia. A nenez e a infancia están particularmente presentes na súa traxectoria e, de forma moi particular, neste Miedo, mais dunha forma moi distinta que en Anem al llit, por citar un caso. Por que este tema é tan recorrente nos seus traballos?

A min sáenme moitas cancións e espectáculos para nenos, mais sempre en catalán, porque é como as penso. En castelán intenteino en varias ocasións, mais o resultado eran cancións de terror, en lugar  de cancións bonitas, e o medo para nenos fóisenos das mans. Non sei se pasou por usar o castelán, mais en lugar de cancións de berce saíron cancións para asustar nenos.

—A case un ano vista do primeiro pase de Miedo, cal está sendo a recepción da xente? 

Eu véxoa ben, aínda non nos sacaron de ningún sitio a gorrazos (ri). Cando acaba, a xente ten cara de estar satisfeita. Penso que é un espectáculo que está moi ben, e se non estivese eu tamén estaría moi ben. Ás veces sitúome a mirar cando as probas de son e penso “vaia unha que montaches”, e véxoo todo espectacular. 

—Sen vostede seguiría habendo espectáculo?

Podería facelo calquera outro, o peor do espectáculo, sen dúbida, son eu.

—Varios dos seus traballos son moi arriscados, xa non só tecnicamente, senón tamén conceptualmente, até o punto de que incluso hai quen di que non se entenden. Cre que seguen sen entendelo a día de hoxe?

Ninguén entende o meu traballo, porque tampouco o fago eu mesmo. Cada un entende o que entende, en última instancia todo son sensacións que se transmiten e que cada un as toma como as toma. E cando fago algo tampouco teño un obxectivo, non sei porque o fago, son cousas que se me ocorren non sei por que.

—Mais non é reconfortante que sempre haxa xente disposta a pagar un boleto, ou a producirlle, que é aínda máis diñeiro?

Só direi que, comparado con outros artistas que coñezo, son o que mellor o pasa facendo as cousas. Parto coa risa cando se me ocorren as cousas, pásoo moi ben, o único que quero e rir e divertirme.

—Cre que ese carácter alegre é polo que queda xente que segue a considerarlo un enfant terrible, pese a ter 53 anos?

Si, mais xa non son nin enfant nin terrible, estou por enriba deses adxectivos. 

Comentarios