XXXIV edición do premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

Inma López Silva gaña o premio Eusebio Lorenzo Baleirón de poesía

A presente edición do premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón ven de ser gañada pola escritora Inma López Silva.
inmalopezsilva
photo_camera Inma López Silva. Foto: Nós Diario

A escritora Inmaculada López Silva é gañadora da actual edición do premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón que convoca o Concello de Dodro.

López Silva escritora, crítica teatral, doutora en Filoloxía e profesora da Escola Superior de Arte Dramática é autora de obras como Concubinas, Memoria de cidades sen luz, Aqueles días en que eramos malas e O libro da filla.

O xurado significa da obra de López Silva, Clepsidras “a potencia das imaxes que van artellando un discurso arredor da xenealoxía feminina, ao patente reflexo das violencias cotiás, así como a exploración que fai da lingua e das formas do dicir”.

“Ademais, a nivel formal consegue unha cadencia rítmica altamente suxestiva que coloca o texto nunha predisposición performativa”, continua o xurado do premio, composto por autoras como Rexina Rodríguez Vega, Silvia Penas Estévez, Oriana Méndez Fuentes e o poeta Francisco Valeiras Gónzalez, xunto cos concelleiros de Servizos Sociais e Cultura do concello de Dodro.

O certame coordinado pola poeta Elvira Ribeiro Tobío está dotado con 2.500 euros e supón ademais a publicación do poemario. Precisamente, o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón é un dos máis prestixiosos e lonxevos do país, estando próximo a cumprir 35 anos.

Comentarios