Inaugúrase en Lourenzá a exposición 'Francisco Fernández del Riego. Cos ollos de espírito'

A vila natal do homenaxeado no Día das Letras será tamén o escenario do pleno extraordinario da Real Academia Galega o vindeiro 17 de maio. 
Francisco Fernández del Riego, na rúa do Príncipe, en Vigo (Imaxe: Paco Vila Barros)
photo_camera Francisco Fernández del Riego, na rúa do Príncipe, en Vigo (Imaxe: Paco Vila Barros)

Esta cuarta feira inaugurouse en Lourenzá, no Museo de Arte Sacra, a exposición Francisco Fernández del Riego. Cos ollos de espírito, impulsada pola Xunta de Galiza e producida por Editorial Galaxia coa colaboración da Fundación Penzol e a Real Academia Galega para dar a coñecer a figura do homenaxeado nas Letras Galegas 2023. 

Francisco Fernández del Riego. Cos ollos de espírito repasa a traxectoria vital e profesional do autor homenaxeado, permitíndolle ao visitante asistir a un percorrido rigoroso e ameno para comprender quen foi, que legado nos deixou e o que implica a súa figura no proceso de consolidación do galego e da súa cultura nos tempos recentes.

A mostra, comisariada por Malós Cabrera e Malores Villanueva, consta de 14 paneis informativos e didácticos e mesas-vitrina con material gráfico e documental pertencente a Del Riego. Tras o seu paso por Lourenzá, continuará a súa itinerancia até finais de ano por Vigo e Santiago de Compostela.

Pleno extraordinario da Academia 

A vila natal de Francisco Fernández del Riego será, ademais, o escenario do acto central do Día das Letras Galegas que a Real Academia Galega lle dedica ao homenaexado este ano no Día das Letras Galegas. 

A sesión extraordinaria e pública do 17 de maio desenvolverase a partir da 12.30 horas no centro de usos múltiples de Ponte de Cuñas e contará coas intervencións académicas de Xesús Alonso Montero, Francisco Díaz-Fierros e Margarita Ledo Andión, que abordarán nos seus discursos distintos aspectos sobre a figura e a obra do homenaxeado. 

A música correrá a cargo do cuarteto Souto Xímaro (Lourenzá)  e do coro Mestre Pacheco (Mondoñedo). O pleno extraordinario, poderá seguirse tamén en directo dende a web  da RAG, academia.gal. 

Comentarios