Fernández del Riego, "optimista radical" e loitador pola idea da Galiza

A investigadora Malores Villanueva analiza 50 horas de conversa co escritor.
Francisco Fernández del Riego. (Foto: RAG)
photo_camera Francisco Fernández del Riego. (Foto: RAG)

A Editorial Galaxia vén de facer pública unha nova biografía do que foi un dos seus fundadores, Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado neste ano 2023 no Día das Letras Galegas. Baixo o título de Francisco Fernández el Riego, un loitador pola idea de Galicia, a filóloga e investigadora Malores Villanueva repasa a traxectoria persoal, literaria e política de 'Don Paco', un polifacético autor "nacionalista de corazón e de razón", fiel aos seus ideais e que se autodefinía como "un optimista radical". 

En conversa con Nós Diario, Malores Villanueva revela que a biografía, publicada esta semana, é froito tanto das propias palabras de 'Don Paco', como de anos de investigación na documentación que el mesmo arquivaba. Villanueva recoñece "ter a sorte" de compartir con Del Riego moitas horas de conversa durante os tres últimos anos de vida do autor, finado en 2010. 

Máis de 50 horas de gravacións permitírono recoller conversas sobre "infinidade de temas" e tamén "revivir diferentes episodios" da vida do autor. A partir destas conversas, Villanueva relata a parte máis persoal e anecdótica da súa biografía. 

Porén, nesta obra tamén é importante a investigación. "Ás veces, co paso do tempo e tendo unha vida tan intensa e tamén tan longa, as persoas descolocan datas ou determinados acontecementos", explica Malores Villanueva. Desta maneira, e grazas á revisión da documentación que gardaba o autor, a nova biografía de Del Riego sitúa temporalmente os acontecementos máis salientábeis dunha vida fortemente marcada polas súas raíces galeguistas. 

Un home de partido

Conta Villanueva que 'Don Paco' tomou conciencia "da idea da Galiza" moi cedo, durante a súa estadía en Madrid. Nada máis instalarse de volta en Santiago de Compostela, de seguido comeza a frecuentar o Seminario de Estudos Galegos e a participar das tertulias que tiñan lugar os xoves na imprenta de Ánxel Casal.

"Ese é o primeiro xerme galeguista de Don Paco", explica Malores Villanueva. Este primeiro grupo galeguista no que participa Del Riego incorporarase ao Partido Galeguista en 1931, ano da súa fundación. 'Don Paco', que era "un home de partido", forma parte do mesmo desde os seus inicios e integrarase, baixo petición de Alexandre Bóveda, como secretario xeral da Federación de Mocedades Galeguistas.

O mesmo Bóveda pídelle máis tarde que retorne ás súas funcións no Partido Galeguista cando completou o seu labor nas mocidades. "Aí está a carta na que lle pide que volva, porque o necesitan para a redacción do Estatuto, para que forme parte da sección de propaganda, para os mitins nos que acompaña  Castelao por toda a Galiza", relata Villanueva a Nós Diario. "Nesas cartas vese a importancia que el tiña no partido", engade. 

'Don Paco' mantivo o compromiso galeguista ao longo da súa vida. Aínda que tivo que loitar "nun bando que non era o seu" e que volveu, "como tantos outros, derrotado, a unha vida por recompor", foi consciente de que tiña que facer "o imposíbel" por manter aceso o facho da cultura galega, unha vez a chegada  dunha ditadura que viñera para quedar lle apagase para sempre o facho da política. 

Manter aceso o facho da cultura galega durante a ditadura

A participación no suplemento Vespertino do xornal La Noche –censurado e clausurado pouco despois–, a constitución da Editorial Galaxia, a dotación de Vigo cunha Biblioteca coa creación da Fundación Penzol ou a galeguización da Real Academia Galega logo de que quedase totalmente esfarelada após 1936 foron a maneira de 'Don Paco' de manter viva esa parte da identidade galega que son a cultura e a lingua.

Comentarios