martes 24/11/20
Exposición

Inaugurada a mostra máis completa da Xeración Nós

Feixoo enxalzou "o galeguismo de concordia" da Xeración Nós.
Alberto Núñez Feixóo e outras autoridades na inauguración [EP].
Alberto Núñez Feixóo e outras autoridades na inauguración [EP].

Inaugurouse hoxe en Compostela a exposición Galicia, de Nós a nós, que reúne máis de 300 pezas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura na que se anuncia como a mostra máis completa sobre este tópico.

Ao acto acudiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, xunto a outras autoridades como o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices; o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes; e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

Feixóo aproveitou a ocasión para enxalzar "o galeguismo de concordia" que na súa opinión representa a Xeración Nós, fronte a "radicalismos que desgarran os pobos" do período de entreguerras en Europa.

No centenario

A mostra dá continuidade ao ciclo comezado por Galicia, un relato no mundo, organizado co gallo da conmemoración do centenario da revista Nós. As máis de 300 obras de Galicia, de Nós a nós agrupan cesións de 64 institucións culturais e coleccionistas privados, para alén dos 134 números da propia publicación e a Carta Xeométrica de Galicia de Domingo Fontán, acabada no século XIX, que Ramón Otero Pedrayo gardaba na súa casa.

As comisarias da mostra, Ana Acuña (profesora e investigadora da Universidade de Vigo) e Alfonso Vázquez Monxardín (académico da Real Academia Galega) adiantaban hai meses a Nós Diario as liñas chave desta mostra que propón "un percorrido desde as orixes da toma de conciencia na Galiza até a situación actual", resumía o segundo.

O periplo divídese en cinco partes que procuran fuxir de ser de "ser excesivamente librescas", ao tratar sobre un movemento intelectual. Ofrecen, por exemplo, tres interactivos, un deles sobre a capa da revista que permite deconstruír os elementos simbólicos que ateigan este emblemático compoñente da publicación.

Monxardín destacou o traballo de comisariado como "ilusionante" nunha "homenaxe colectiva" á Xeración Nós, un dos "piares sólidos" da cultura galega que chega aos nosos días. A exposición permanecerá no Centro Gaiás até 17 de xaneiro, aberta ao público de segunda feira a domingo. Logo viaxará por distintas cidades galegas, como Ourense e Pontevedra.

comentarios