CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Ilegales: “A vida é lume”

En realidade nunca se foron. Voltan os Ilegales e o noso crítico estaba ben atento ao seu retorno.

Ilegales
photo_camera Ilegales

 

Estaba claro dende que Ilegales anunciaran a súa separación que era mais un punto e seguido que un punto e final. Despois das experiencias orquestreiras de Jorge Ilegal, volve ao traxe que mellor lle senta, o de roqueiro irreverente na súa banda de sempre. Despois de unha ducia de anos sen novos traballos de estudo, volven con este disco que sona aos Ilegales de sempre, sen experimentos, sen modas, só rock aderezado polos seus subestilos, no que podemos atopar dende surf até punk.

“Voy al bar” é o tema que abre o disco e tamén o primero adianto que lanzou a banda para a súa escoita. Un tema que transporta aos oitenta, aos mellores tempos da banda para dar paso a “La vida es fuego”, un tema salvaxe e que rezuma furia ilegal polos catro costados e que carga as pilas para “Regresa a Irlanda”, un tema en contra das voces doces e pusilánimes que cantan letras baleiras e estúpidas. Un tema tecnicamente sinxelo pero que é dos que mellor funcionan do disco.

“Hacia las profundidades” é un tema lento, pausado ao máis puro estilo narrativo e musitado de Jorge que calma o ambiente para obrigar a mover os pés co country rock de “Vivir sin novia ni reloj”, unha letra divertida onde pouco a pouco a pouco vaise liberando das súas cadeas sentimentais. Máis seria é a letra de “El souvenir”, na que fala da adición á cocaína. Un tema espido que ben podería ser tocado por unha big band que contrasta co guitarreiro “Aquel boogie pesado”, de estrutura clásica feita para mover os pés.

“Regresa a Irlanda”, un tema en contra das voces doces e pusilánimes que cantan letras baleiras e estúpidas

O ritmo de tamboril de “Hipster” continúa coa crítica social e dos creadores de tendencias que seguen masas de modernos sen criterio, contrasta coa preciosista “El teléfono y el mal”, unha balada que sorprende por se afastar da tónica compositiva de Ilegales, cambio que non dura moito tempo pois “La mala hierba” volve á súa esencia cun medio tempo bluseiro con algún toque surf e a cavernosa voz de Jorge recitando a mala influencia que é. A guinda final ponlla ao disco “Las rosas trepadoras asesinas”, un tema lisérxico que te envolve no seu tempo que lembra a composicións de finais dos sesenta e principios dos 70.

Un disco que fará as delicias dos incondicionais da banda, para os máis críticos un disco en que nalgúns momento falta orixinalidade, pero que ao que non se lle pode negar autenticidade, algo que non sempre se atopa nestes tempos novos, tempos salvaxes.

Video: Ilegales – Voy al bar

Listaxe de temas

  1. Voy al bar

  2. La vida es fuego

  3. Regresa a Irlanda

  4. Hacia las profundidades

  5. Vivir sin novia ni reloj

  6. El souvenir

  7. Aquel boogie pesado

  8. Hipster

  9. El teléfono y el mal

  10. La mala hierba

  11. Las rosas trepadoras asesinas

Ilegales na rede

web: http://www.ilegalesrock.com/

Facebook:http://www.facebook.com/ilegalesrock

Twitter: @IlegalesRock

 

Comentarios