As II Xornadas da Academia Galega de Teatro buscan modelos de programación

Desenvolveranse no Pazo de Mariñán entre os días 23 e 25 de maio.
Imma António na primeira xornada do Congreso de Teatro Galego [Martín Lagoa].
photo_camera Imma António na primeira xornada do Congreso de Teatro Galego. [Foto: Martín Lagoa].

A Academia Galega de Teatro organiza desde esta quinta feira e até o sábado día 25, no Pazo de Mariñán, as II Xornadas da Academia en Mariñán. Baixo o título de "O deseño das programacións teatrais galegas: na procura dun modelo cooperativo", este encontro xuntará especialistas e profesionais para xerar un espazo de pensamento, nun encontro cun espírito distendido, que permita repensar o sistema de programación que se está a levar a cabo na Galiza, onde distintos axentes da administración local analizarán a situación co fin de marcar uns puntos de encontro cuxo obxectivo é mellorar o sector escénico do país para o futuro.

Partindo da consideración da cultura -e máis concretamente, das artes escénicas- como un servizo público, a Academia considera que as administracións locais son as que máis se esforzan por cubrir as primeiras necesidades da cidadanía. Porén, na maioría dos casos, esas necesidades cóbrense sen unha política clara, sen reflexión sobre o futuro e sen obxectivos a longo prazo. Isto pode aplicarse ao conxunto do eido da política cultural municipal. 

A gran variedade de actividade cultural existente nos concellos galegos, e en concreto nas artes escénicas, fai que a xestión que se realiza, en función dos intereses, recursos e organización, sexa moi distinta duns concellos a outros xerando unha realidade complexa e diversa.

Estas xornadas, que contan co patrocinio da área de Cultura da Deputación da Coruña e da Axencia Galega de Industrias Culturais da Xunta da Galiza, teñen como obxectivo estabelecer un diálogo cun grupo depersoas expertas que programan inmersas en distintas realidades, achegarse a cada unha delas, e intentar depurar un conxunto de ferramentas que permitan a evolución no marco das Artes Escénicas en xeral, e do teatro en particular. 

Diversidade de modelos

Durante as xornadas, debateranse temas como os diferentes modelos de compañías de artes escénicas (coa participación da Compañía Furia Sotelo, Pista Catro, Amorodio Teatro, Ibuprofeno Teatro, Chévere, Caramuxo Teatro e Títeres Cachirulo), os distintos modelos baixo os que se organizan os espazos de programación (con programadoras de diferentes concellos e teatros da Coruña, Ames, Vilagarcía, Vimianzo, Sada, Betanzos e Muros) ou sobre a Lei de dereitos culturais (sobre a que lerá un relatorio o profesor e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia Roberto Pascual).

Comentarios