O escritor e xornalista Ramón Vilar gaña o VII Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey

Ramón Vilar fíxose co galardón co artigo "A veciña do segundo".
RAmón Vilar, xornalista e escritor. (Foto: Nós Diario).
photo_camera RAmón Vilar, xornalista e escritor. (Foto: Nós Diario).

"A veciña do segundo", un artigo no que a través da tenrura e o humor Ramón Vilar propón unha reflexión sobre o valor das persoas maiores na nosa sociedade, impúxose entre os textos presentados á VII edición do Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey.

O xurado, reunido esta sexta feira e composto polo xornalista Ramón Rozas, o escritor Ramón Nicolás, a xornalista Carme Vidal e a coordinadora do premio, Carme Carreiro, escolleu por unanimidade o artigo de Ramón Vilar entre os presentados á sétima edición do premio por "transmitir, desde a emoción e a homenaxe, a relevancia que as persoas maiores teñen na comunidade, e o moito que poden achegar ás xeracións máis novas, en primeiro lugar, o seu cariño e xenerosidade".

Ramón Vilar (Rodís, Cerceda, 1973), licenciado en Filoloxía Galega pola USC, leva a maior parte da súa vida laboral vinculado ao mundo do xornalismo. Traballou como redactor en La Voz de Galicia e Faro de Vigo e dirixiu o diario dixital Vieiros. Tamén coordinou proxectos relacionados coa comunicación, a cultura e o mundo educativo. Na actualidade traballa como docente de Lingua e Literatura no IES Pastoriza de Arteixo (comarca da Coruña).

Vellez

Segundo sinala o xurado, Vilar explora o tema "desde o cotián, desde os sentimentos, reparando en persoas que están ao noso arredor e, moitas veces, pasan case inadvertidas, mais elas están atentas e coidan a quen ten a sorte de convivir con elas".

O autor, salientan, fai un exercicio de recoñecemento, de homenaxe a unha muller coa que cadra no fin da súa vida mais que fica na memoria tempo despois da súa morte. Así, o artigo fai protagonista a unha muller de máis de 90 anos, coa que a voz que relata non ten relación familiar, mais que deixa pegada imborrábel na súa vida e a dos seus.

"Os vellos e as vellas son, moitas veces, grandes esquecidas no noso tempo. Están pero, moitas veces, non se lles escoita, as decisións importantes xa non recaen neles e pasan a ocupar un papel secundario que é, sen dúbida, inxusto. O artigo de Ramón Vilar dálle unha volta a esta situación, pon no centro esa veciña que tanto achega, que ofrece o mellor que ten, as leccións de vida que ficarán para sempre", destaca o xurado.

Na súa valoración, o comité tamén tivo en conta que "un premio que ten como obxectivo premiar artigos de carácter social repare nun tema do que apenas se fala se non é como problema... Vilar fainos pensar desde outro punto de vista, desde o recoñecemento do tesouro que son as persoas maiores e convídanos a aproveitalo e recoñecelo".

Ramón Vilar recollerá o VII Premio de Xornalismo Lueiro Rey o vindeiro día 23 de xuño ás 12 horas nun acto que terá lugar no Multiusos de Fornelos de Montes e que contará coa intervención musical de Crúas.

Comentarios