John Banville e Benjamin Black atópanse este sábado na SELIC de Santiago

Os detectives de ficción e os festivais negros marcan o debate dunha xornada dedicada ao criminal.
O escritor irlandés John Banville.
photo_camera O escritor irlandés John Banville.

O sábado -15 de xuño- na SELIC, Festival da Lectura de Santiago de Compostela, transcorrerá unha xornada marcada pola visita dobre de John Banville e o seu heterónimo Benjamin Black, escritores con personalidade literaria diferenciada, aínda que comparten un único corpo. O irlandés estará mañá na Quintana para conversar sobre a súa obra.

Banville, premio Booker e premio Príncipe de Asturias. Trátase dun dos autores vivos máis importantes en lingua inglesa. Alén de achegar o público aos seus últimos traballos, tanto dentro do criminal (Quirke en San Sebastian) como fóra deste (As singularidades), as persoas asistentes terán a ocasión de comprender mellor os mecanismos da escrita deste autor que porta dous escritores diferenciados nun só cerebro: o propio Banville e Benjamin Black, para a novela negra.

Previamente, ás 18 horas, a novela negra xa fará a súa aparición nos debates da SELIC Criminal, nun encontro de festivais negros, cos directores do Tenerife Noir (Javier Rivero), do Congreso de novela y cine negro de Salamanca (Javier Sánchez Zapatero), da Semana Negra de Xixón (Miguel Barrero), e co coordinador do programa criminal da SELIC, Xaquín Núñez Sabarís.

Logo, ás 19 horas, entrarán a debate os detectives de ficción cos autores Bieito Iglesias, Beto Luaces e Araceli Gonda, presentados por Javier Rivero.

A última das sesións golfas da SELIC, ás 21 horas, ofrecerá unha achega moi singular baixo o título Pessoa detective pendente. Ana Rodrigues, Beatriz Bernandes e Luciano Russo, alumnos da Universidade do Minho, farán unha dramatización da obra detectivesca do clásico portugués. 

Comentarios