O FLAZ de Allariz revela que escribir e publicar non son a mesma cousa

Os días 5 e 6 de xullo o Festival Literario de Allariz acolle os autores Antón Riveiro Coello, Carlos Meixide, Marta Orriols e Berta Dávila, e os axentes literarios Marina Penalva e Bernat Fiol.
María López, Cristina Cid e César Lorenzo.
photo_camera María López, Cristina Cid e César Lorenzo.

Esta sexta feira, 14 de xuño, presentouse a terceira edición do FLAZ, Festival Literario de Allariz, que decorrerá os días 5 e 6 de xullo, coa participación da alcaldesa, Cristina Cid, da concelleira de Promoción Económica, Comercio e Turismo, María López, e do director do festival, César Lorenzo. O festival ten o obxectivo de consolidar un espazo de encontro entre a comunidade lectora e todas as persoas que forman parte da cadea de valor do libro. 

Memoria e historia na novela, un diálogo entre Antón Riveiro Coello e Carlos Meixide, será o primeiro encontro, na tarde do 5 de xullo na Sala de Exposicións A Fábrica. Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) é un dos autores de máis prestixio da narrativa galega actual, con obra traducida a varias linguas.

Entre os seus últimos libros premiados destacan Hotel Carioca, Premio Álvaro Cunqueiro, 2022, O paraiso dos inocentes, Premio Torrente Ballester 2019 e A ferida do vento, Premio Frei Martín Sarmiento 2016. Pola súa banda, Carlos Meixide (Vilagarcía de Arousa, 1977) é xornalista e escritor; en 2005 lanza O home inédito, que foi a primeira novela galega publicada en Internet e autoedita os seus libros para público mozo e adulto desde 2015.

Entre eles destaca a serie de "Os cinco de Ons". En 2021, lanza xunto á escritora Berta Dávila, o selo editorial Rodolfo e Priscila, e en 2023 publica con Xerais a novela histórica Viva a Comuna. A súa novela Camiño de paixóns gañou o I Premio de Novela Camiño de Santiago no 2019. 

Todo o que quixo saber sobre os axentes literarios e nunca se atreveu a preguntar é o título do diálogo entre Marina Penalva e Bernat Fiol, que terá lugar o sábado 6 ás 12 horas no mesmo espazo. Casanovas Lynch, con sede en Barcelona, é a axencia literaria na que Marina Penalva desenvolve a súa actividade profesional desde 2019. Trátase dunha axencia especializada en autores literarios do Estado español e América Latina (Javier Marías, Juan Gabriel Vásquez, Manuel Jabois, Juan José Millás, Mariana Enriquez, entre outros), onde Penalva se encarga da xestión dos dereitos domésticos, de tradución e tamén audiovisuais dun grupo de autores (Andrea Abreu, Irene Solà, Irene Vallejo, Munir Hachemi, Gabi Martínez, Miguel Ángel Hernández, Karina Sainz Borgo ou Brais Lamela, entre outros). Casanovas Lynch conta cun catálogo de autoras e autores que ademais, destaca, por desprazar os eixos da literatura actual fóra da ponte Madrid-Barcelona.

No caso do mallorquín Bernat Fiol, tras traballar como axente a tempo completo na axencia literaria Antonia Kerrigan, fundou SalmaiaLit en 2008. É axente de autores de gran prestixio como Eider Rodríguez, Miquel Martín, Raül Garrigasait e Eva Baltasar, entre outros. Dez anos antes, en 1998, instalarase en Barcelona para estudar Filoloxía Inglesa e desde 2001 traballa no sector editorial. Ademais traballou como libreiro no centro cultural e libraría Espai Mallorca e colaborou esporadicamente cos departamentos de prensa dalgunhas editoriais.

Na tarde do sábado, encontro entre dúas autoras: Marta Orriols e Berta Dávila baixo o título  A vida cotiá como materia prima na literatura actual. Marta Orriols, que vive e traballa en Barcelona, debutou como escritora co libro de contos Anatomia de les distàncies curtes (2016), que, xunto coa novela Aprender a falar coas plantas (2018), Dolça introducció al caos (2020) e A posibilidade de chamarlle casa (2023) recibiron o aplauso do público e os eloxios da crítica.

A súa obra está traducida a dezaseis idiomas. A compostelá Berta Dávila recibiu dúas veces o Premio da Crítica Española en lingua galega, polo poemario Raíz da fenda (2013) e a pola novela Carrusel (2019), que tamén gañou o Premio Repsol de Narrativa Breve, que tamén gañara con O derradeiro libro de Emma Olsen (2013). Con Os seres queridos (Xerais, 2022), obtivo o Premio Xerais de Novela, o premio Follas Novas ao mellor libro de narrativa de 2022, e o premio da Crítica Galicia. Un elefante na sala de estar foi Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil no 2022. Algúns dos seus libros foron traducidos ao castelán, ao catalán, ao inglés e ao italiano. A súa última novela é A ferida imaxinaria (2024). 


Finalmente, a mesa de diálogo Escribir e publicar non son a mesma cousa, pon o ramo á programación do FLAZ, o sábado ás 19.30 coa participación de todas as figuras convidadas: Antón Riveiro Coello, Carlos Meixide, Marina Penalva, Bernat Fiol, Marta Orriols e Berta Dávila. Conversas, sinaturas e visitas ao patrimonio da zona formarán parte desta fin de semana de festexo da lectura e do libro.

Comentarios