Nace Soa Bonaval, festival da cultura impulsado polo Museo do Pobo Galego

Concertos, conversas e itinerarios sonoros durante os días 22, 23 e 24 de outubro.
Autorretrato de Elba Fernández, quen actuará no I Soa Bonaval. (Foto: Elba Fernández).
photo_camera Autorretrato de Elba Fernández, quen actuará no I Soa Bonaval. (Foto: Elba Fernández).

Desmitificar os xéneros e as etiquetas e contar con artistas que traballen sobre os sons clásicos e de raíz, o local e a cultura e a lingua propias, compondo músicas plenamente actuais que van desde o electrónico ao folk pasando polo pop, o rock ou o ambient. Eis as premisas das que parte Soa Bonaval, festival cultural que nace co impulso do Museo do Pobo Galego

Concertos, conversas e itinerarios sonoros darán forma a esta primeira edición do encontro, que decorrerá en Compostela ao longo dos días 22, 23 e 24 de outubro

O cartel desta primeira edición inclúe propostas como a da cantautora de Ibias (Asturias), Lorena Álvarez, quen levará a Soa Bonaval a súa Colección de canciones sencillas; Peña, o grupo pontevedrés formado por Toño Magariños (Diola, Unicornibot), Rubén Abad (Cró!, Trilitrate) e Elena Vázquez (Trilitrate); ou Libredón, o proxecto musical do compostelán Denís Estévez, que desfragmenta e recompón pezas clásicas cunha linguaxe analóxico-dixital.

Estrea de 'Exvba'

Soa Bonaval contará, como prato forte, coa estrea de Exvba, unha proposta que nace da unión de Elba Fernández e Xavi Font. Ambos os dous, gañadores do Mestre Mateo 2020 á mellor música orixinal por Hierro, deciden afastarse dos longos tempos no estudio para crear este proxecto que verá a luz nun lugar emblemático como a Igrexa de Bonaval, espazo para o que foi creado.

No formato de conversas con artistas, Soa Bonaval contará co catalán Raül Refree, un dos produtores "máis aclamados da última década", adiantan, que este ano se mergullou na música tradicional galega. A conversa completarase coa actuación de Tralo-Valo, o dúo da tocadora Carme da Pontragha e o zanfoneiro Ariel Ninas, quen interpretarán un repertorio baseado no arquivo do antropólogo danés Gustav Henningsen na Galiza nos anos 60.

Itinerario sonoro

A primeira edición do Soa Bonaval complétase co itinerario sonoro Son[em]peza. A proposta do DEAC fopi desenvolvida pola educadora Carme Campo xunto co equipo do Arquivo do Patrimonio Oral Inmaterial (APOI). Poderase realizar durante o festival, conducido por persoal do Museo. Despois, e até finais de ano, tamén estará dispoñíbel mais de maneira autónoma. 

As entradas estarán á venda a partir da segunda feira 11 de outubro, a partir das 11 horas, a través da plataforma Vivetix do Museo do Pobo Galego.

Comentarios