sábado 29.02.2020

A identidade galega e o legado da Xeración Nós, a debate

O Consello da Cultura Galega (CCG) e o Museo do Pobo Galego organizan un foro de reflexión sobre a "identidade galega nun contexto global", que retomará "o legado que deixou a Xeración Nós" e que se celebra no ano en que se conmemora o centenario do nacemento da publicación.
O profesor Daniel Innerarity abriu o foro cunha reflexión sobre identidades colectivas. (Foto:  Juantxo Egaña)
O profesor Daniel Innerarity abriu o foro cunha reflexión sobre identidades colectivas. (Foto: Juantxo Egaña)

"Que é Galiza?", "que nos caracteriza?" ou "cales son os alicerces da cultura?" son algunhas das moitas preguntas ás que busca dar resposta o foro do CCG e o Museo do Pobo A identidade galega no mundo da globalización. Sociedade, lingua e cultura.

Encadrado no marco de celebración dos 100 anos do Grupo Nós, terá como eixo central "a reformulación das preguntas que xa se fixeron con anterioridade intelectuais como Otero Pedrayo ou Vicente Risco", segundo explica unha das coordinadoras do proxecto, Dolores Vilavedra, en rolda de prensa.

Justo Beramendi, presidente do Padroado do Museo do Pobo, apostila que o que se pretende é "repensar esas cuestións desde o século XXI, unha época de identidades máis líquidas que antes". 

Pola súa banda, o outro coordinador, Uxío-Breogán Diéguez, explica que o "pano de fondo" deste foro é a Xeración Nós, e que, ao mesmo tempo, ten a "vontade multidisciplinar de pór en común o saber e o coñecemento sobre o propio en consonancia cunha realidade internacional" actual.

"Nós adiantou o que hoxe coñecemos como globalización, e este é o punto central desde o que nós articulamos o noso programa para esta actividade", engade Diéguez.

Cinco mesas redondas

A identidade galega no mundo da globalización contará con cinco mesas redondas, que se irán desenvolvendo até o mes de outubro. Nelas sairán a debate as conclusións ás que cheguen os expertos "en diferentes campos", como a filoloxía, socioloxía, comunicación, política, filosofía ou historia, que traballarán "en conxunto e ao longo de todo ese tempo".

Os temas que se tratarán ao longo destes nove meses son "amplos", e teñen como obxectivo conseguir un "enfoque poliédrico", aínda que a organización parte da base de que "ningunha identidade se resolve nunca por completo. Por iso resulta tan necesaria a continuidade da carreira da revista Nós".

Ademais, Uxío-Breogán Diéguez indica que se "reflexionará sobre a identidade galega" de maneira multidisciplinar, para que "afloren conclusións" que se recollerán nunha obra final que os organizadores esperan que "deixe pegada" e "logre" que a cidadanía galega "repense a súa identidade".

Esta iniciativa de longo percorrido abordará todo este tipo de cuestións, que tamén pretenden aproximar á cidadanía, e por iso todas as mesas de traballo presentaranse en público desde o 15 de abril en diferentes xornadas.

Unha delas versará sobre a identidade cultural e galega en tempos de globalización, outra sobre a identidade e o patrimonio cultural e unha terceira sobre medios de comunicación. Continuará unha cuarta sobre cultura popular e sociedade civil e a última tratará a creación en galego nun mundo globalizado.

"O que pretendemos é actualizar o legado de Nós de maneira crítica", ampliou o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo. 

comentarios