Ialma publicará despois do verán o novo disco “que conta a nosa historia”

As galego-belgas están a preparar o lanzamento de ‘Camiño de Bruxelas a Santiago’, o seu quinto e novo disco logo dun parón de cinco anos. “É a historia da nosa emigración e dos nosos pais”, cóntanos Marisol Palomo, unha das catro pandereteiras. 

ialma
photo_camera As Ialma asinando discos [foto: SceneOff]

‘Camiño de Bruxelas a Santiago’ xa está listo para ser lanzado. Gravado, editado e listo para presentar. Será despois do verán, cando iniciarán unha xira que as levará por varios países. Desta volta, a diferencia do disco anterior (‘Simbiose’, 2011), farán presentación e concertos en Galiza: “Gustaríanos ir polo que representa e para facer unha homenaxe aos galegos da emigración”. 

“Levamos dous anos preparándoo, é un disco no que contamos a nosa historia. Fixemos concertos e evolucionou moitíisimo o proxecto antes de gravalo. E penso que que é o disco onde máis o pasamos ben e máis o disfrutamos porque estivo ben preparado, puidemos facer moitos concertos nos que o público puido sentir as diferentes historias. É un disco de plena actualidade, pero que estivo escrito antes de todos os eventos que están a pasar”, afirma Palomo. 

‘Camiño de Bruxelas a Santiago’ é a historia da nosa emigración e dos nosos pais. É a nosa historia, enlazada coa historia deles, pero que sigue evolucionando, porque un camiño nunca se para.

“‘Camiño de Bruxelas a Santiago’ é a historia da nosa emigración e dos nosos pais. É a nosa historia, enlazada coa historia deles, pero que sigue evolucionando, porque un camiño nunca se para. É un camiño de loita, cultural, de diversidade, de descubrir e de contactar co público e coa xente doutras culturas. É un camiño que levamos percorrendo moitos anos e que cantamos a través das nosas cantigas”.

O traballo inclúe 13 temas, algúns tradicionais e outros de feitura ‘trad’ con letras contemporáneas, de autor.  “As letras fáinolas un amigo chamado Brais Fernández xunto con nós. Nós contámoslle o que queremos expresar e el escribe a letra”, explica a cantora. 

Bélxica estase a dar conta de que teñen que dar valor ás diversidades culturais

Tamén inclúen un tema en italiano. “Nun deses camiños atopamos unha cantante que se chama Lucilla Galeazzi, que é unha defensora e do canto tradicional italiano, e escribiu unha letra que falaba da auga, da terra, do aire, e son temas que tamén forman parte de nós. Gustounos moito e os ritmos parécense aos galegos e como tamén cantamos con ela en varias ocasións, decidimos neste disco poñer un tema en italiano”.

Emigrados/refuxiados

O compromiso social é unha constante en moitos dos temas do traballo. Un deles está dedicado aos refuxiados “porque o tema dos refuxiados é o mesma que a historia dos nosos pais. A miña avoa veu cunha maleta metida no tren con tres fillos. É exactamente a mesma imaxe que vemos hoxe. Eu cando vexo as imaxes dos refuxiados vexo as historias que nos contaban os nosos avós. Esa é a historia das catro de Ialma. Uns viñeron como mineiros, outros fuxiron da Guerra, outros foron fusilados, é como unha homenaxe á nosa historia e chamando a intentar cambiar o futuro. Temos que ser conscientes de que a memoria está aí e aínda existe. É a mesma historia que a dos nosos pais e avós”. 

Penso que non hai un belga hoxe que non saiba que é Galiza

“Non hai un pobo en Bélxica no que non coñezan Galiza”, afirma con afouteza Marisol. “Polo Camiño, por Ialma e por varios grupos, e artistas que están aquí. Hai escritores, como Xavier Queipo, hai pintores. Penso que se fala moito de Galiza, a música galega chega a Bélxica, este ano estivo Xabier Díaz, o ano pasado Radio Cos, penso que os grupos galegos máis importantes estiveron aquí algunha vez, cando fixemos todo o de Nunca Máis, Ialma fixo unha manifestación con Manu Chao, que di que é galego no escenario. Toda esta xente leva Galiza por diante. Penso que non hai un belga hoxe que non saiba que é Galiza”. 

Respecto da diversidade cultural no seu país natal, Palomo considera que Bélxica “estase a dar conta de que teñen que dar valor ás diversidades culturais, ás diferentes linguas que se falan alí. E o galego é unha das linguas importantes que se falan en Bélxica, porque non é só o galego, hai moitos portugueses, angolanos… nós cando imos ás tendas a mercar, atopámonos con moita xente que fala galego ou portugués. Entón eles escoitan o disco e para eles somos as galegas-belgas, tanto unha cousa como outra. E para eles é importante demostrar que Bélxica está aberto á diversidade”.
 

Comentarios