Humor, música e poesía na homenaxe a Manuel María

Quico Cadaval, María Barcala e Paraíso Canto nas Lúas de Outono.
Manuel María.
photo_camera Manuel María.

O público asistente que se achegue esta próxima terza feira, 19 de setembro, ás 20.30, ao Teatro Rosalía Castro da Coruña poderá desfrutar dunha nova edición de Lúas de Outono, a homenaxe anual a Manuel María que organiza a Fundación que leva o nome do escritor,  protagonizada desta vez pola música, o humor e a poesía da man de Quico Cadaval, María Barcala e Paraíso Canto. 

As Lúas de Outono é unha celebración cultural arredor da obra e figura de Manuel María e, neste ano, tamén haberá un oco para a figura de Saleta, a compañeira do escritor durante 45 anos, quen faleceu hai xustamente un ano. 

O espectáculo comezará co recitado dos seus versos por parte dunha das máis recoñecidas actrices do teatro galego, María Barcala, quen xunto a Xulio Lago, conforma Teatro do Noroeste, compañía con máis de 35 producións desde 1985. Precisamente o último e exitoso traballo da compañía, Libre coma os paxaros, sustentada no recitado dos versos de Rosalía de Castro. 

 

Canto tradicional e jazz

Logo subirá ao escenario Paraíso Canto, unha proposta musical que parte do canto tradicional galego e que procura un son persoal con arranxos que experimentan con outras sonoridades do mundo, así como co jazz. O dúo confórmano a voz de Gabi Reboredo, que xunto ao latir dos seus pandeiros é acompañada polos clarinetes e polo acordeón cromático de Martiño Malleiro. 

Por último, Quico Cadaval desenvolverá un espectáculo onde mesturará a narración tradicional, a épica escénica e o cabaret literario. Cadaval, impulsor da narración oral na Galiza exerce, alén diso, a interpretación, a creación e a dirección de obras teatrais. Na actualidade é o director da obra premiada na IIIª edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, O auto do Castromil, de Excéntricas Producións que está a xirar, nestes momentos, por distintas localidades galegas.   

 

Comentarios