Sábado 27 de outubro

Homenaxe ao fundador e director do Muso do Pobo Galego

Sete meses despois da súa morte, o Museo do Pobo Galego rende homenaxe ao que foi un dos seus fundadores e director do mesmo ao longo das dúas últimas décadas, Carlos García Martínez. Será este sábado, 27 de outubro, no auditorio da emblemática institución.
 

[Imaxe: Xurxo Lobato] Carlos García Martínez
photo_camera Carlos García Martínez. Foto: Xurxo Lobato.

No acto, ás 12.00 horas, participarán “persoas vinculadas profesional e afectivamente” a García Martínez: Francisco Calo, Teresa Soeiro, Xosé Ramón Fandiño ou Encarna Otero. En representación da familia falará Carlos A. García Pose, e o historiador Justo Beramendi farao como membro do padroado do museo. Ademais, haberá música a cargo do cantautor Miro Casabella, “un viño de honor” e María Xosé Fernández encargarase de conducir a xornada.

García Martínez naceu en Compostela en 19745. Foi un dos tres artífices, canda Beramendi e Rafael Baltar, da constitución do Museo do Pobo Galego en 1976, fomentada desde o Colexio de Arquitectos de Galiza. A institución abriu as portas o 29 de outubro de 1977.

Ao mesmo tempo, traballou en importantes achegas aos estudos arqueolóxicos -aínda que licenciado en dereito, “os seus intereses e devocións levárono polo camiño da prehistoria”- sobre a arte rupestre en Campo Lameiro ou sobre a “morfoloxía castrexa” das terras de Compostela.

Foi membro correspondente da Real Academia Galega e, en 1999, premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo “polo seu traballo a favor da cultura galega”.

Comentarios