Comprometido con Galiza desde os seus anos de estudante universitario, Carlos García Martínez fixo parte do Partido Socialista Galego durante o franquismo, formando parte daquel grupo de mozos que, nucleados arredor da figura de Fermín Bouza Brei, desenvolveron importantes traballos arqueolóxicos baixo o paraugas do Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”.
Fundador e directivo do Museo do Pobo Galego, participou canda Rafael Baltar e Xusto Beramendi do seu grupo impulsor e chegou a asumir a Dirección após a morte de Antón Fraguas en 1986. Tamén ocupou na entidade outras responsabilidades como a de secretario e subdirector. Ao tempo foi patrón fundador da Fundación Castelao ou da Fundación Pedrón de Ouro, socio da Asociación Escritoras e Escritores en Lingua Galega, académico correspondente da Academia Galega e presidente do Consello Galego de Museos.
Xurista de formación, desenvolveu a súa carreira profesional no Colexio de Arquitectos de Galiza. Porén, a súa autentica vocación e onde destacou como estudoso foi no ámbito histórico. Elaborou monografías como Arte rupestre en Campo Lameiro, Morfoloxía castrexa das terras de Compostela, Tipoloxía da vivenda popular galega ou De alicerces e devocións: unha ollada arredor das orixes. Gañou o "Premio Trasalba", outorgado pola Fundación Otero Pedrayo, en 1999.
Xusto Beramendi: "Significou practicamente todo para o Museo"
En declaracións a Sermos Galiza, o historiador Xusto Beramendi, presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, pon de manifesto que Carlos García Martínez "significou practicamente todo para o Museo, pois foi a persoa que máis horas e esforzos lle dedicou. Dedicoulle toda a súa vida ao Museo. O Museo é unha empresa colectiva, evidentemente, mais dentro diso, el foi o factotum maior". "Procuraremos continuar coa súa obra", engade Beramendi.
Os seus restos velaranse de 16h ás 21h do domingo e na segunda feira de 10h a 16h no auditorio do Museo do Pobo Galego. Precisamente, será na segunda feira, ás 17h, cando teña lugar o enterro no cemiterio de Figueiras, en Santiago de Compostela.