A historia da Ramona pequena chega este sábado á Casa-Museo Manuel María

Pakolas guiará unha viaxe no espazo a través da música rock
Paco Cerdeira, Pakolas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Paco Cerdeira, Pakolas. (Foto: Nós Diario)

Pakolas trae este sábado, día 4 de novembro, ás 17 horas, á Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei (comarca de Lugo), o seu novo espectáculo musical “A Ramona pequena vai á Lúa”. 

Neste concerto, dirixido para nenas e nenos entre 3 e 10 anos, Pakolas guiará as crianzas, coa súa forza interpretativa e o seu humor característico por todo un universo musical, a través da súa voz e da súa guitarra, nun espectáculo creado polo propio Paco Cerdeira, o músico infantil que dá vida a Pakolas.

O artista cantará e contará a historia de Ramona pequena. Unha máquina do tempo levará esta á súa infancia, desde alí fará vivir aos asistentes ao concerto unha nova aventura rockeira e didáctica chea de imaxinación e aprendizaxe. Trátase dunha historia que a editorial Galaxia recolle nun libro-disco de título homónimo que inclúe ilustracións de Laura Romero

Dedicación ao público infantil

Paco Cerdeira 'Pakolas' é un músico, compositor e produtor compostelán que leva dedicándose ao público infantil desde xa hai máis de dezaseis anos, comezando no seus inicios, e durante dez anos, co grupo Mamá Cabra. No ano 2014 formou a súa propia banda de música infantil, A Gramola Gominola, editando en 2015 o seu primeiro traballo, A Gramola Gominola, para seguir con Cancións para desafinar (2017) e Bravas. O rexurdir da luz (2019). 

Como Pakolas, a iniciativa  que desenvolve en solitario, leva editado tres traballos: Pakolas (2017), Ramona Órbita, a dona do tempo (2020) e A Ramona Pequena vai á Lúa (2023). A súa proposta Pakolas. Rock infantil e familiar en galego gañou en 2023 o XIV Premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña.

Comentarios