Héctor Cajaraville gaña o Raíña Lupa de infantil e xuvenil

Cajaraville, recente gañador do Xerais de novela, vén de acadar a décima edición Premio de literatura infantil e xuvenil “Raiña Lupa”, convocado pola Deputación da Coruña.

cajaraville
photo_camera Héctor Cajaraville

O xurado premiou por unanimidade a obra 'Vidas cruzadas', de Héctor Cajaraville Araújo. Dela destacou que “trata un tema actual, con ingredientes abondo para atraer o interese dos lectores e lectoras: emoción, intriga, misterio, mais tamén tenrura, dinamismo, vitalidade; a boa construción das personaxes, con personalidades complementarias, que empatizan co público mozo, o sentido do humor, o carácter interxeracional e o final circular son outros alicientes desta obra”.

Este 2015 está a ser o ano da descuberta de Héctor Cajaraville, un xornalista e agora tamén escritor, que neste ano gañou o Premio Xerais coa novela 'De remate' nunha edición na que outra novela da súa autoría, 'Quen dá a quenda', foi finalista no Premio Merlín.

Á décima edición do Premio Raiña Lupa presentáronse 27 obras. O nome de Cajaraville engadirase a unha listaxe de gañadores que inaugurou Agustín Fernández Paz con 'Cos pés no aire' en 1998. Desde entón, Mario Pereira, Antonio Reigosa, Xosé A. Neira Cruz, Breogán Riveiro, Antonio Yáñez, Carlos López, Marcos Calveiro e Xesús Fraga sumáronse ao grupo de autores premiados co Raiña Lupa da Deputación da Coruña. 

Comentarios