Marina Gibert: "Hai moitos ámbitos do mundo da ilustración que me interesan, mais os libros fascínanme"

A autora catalá Marina Gibert é a gañadora do XIV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, un certame organizado polo Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela e pola editorial Kalandraka. Coa súa obra Selva, Gibert fíxose co galardón, que conta cunha dotación de 9.000 euros e que implica a publicación do libro nas cinco linguas peninsulares. Orixinaria de Girona e afincada en Lisboa, Gibert estudou na Escola de Arte e deseño La Llotja de Barcelona e ampliou a súa formación no Seminario de Ilustración do Centro de Arte e Comunicación Ar.Co da capital portuguesa. 
Marina Gibert é a gañadora do XIV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. (Foto Nós Diario)
photo_camera Marina Gibert é a gañadora do XIV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. (Foto: Nós Diario)
'Selva' vén de ser premiada co XIV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. Como nace este libro?

Xorde como un exercicio do seminario que estaba estudando en Lisboa. A proposta versaba sobre a ilustración dun álbum sen empregar palabras, co tema a elixir totalmente libre. Eu sabía que quería debuxar plantas e animais, porque quería pasalo ben mentres o facía e era o que me apetecía naquel momento. Fun facendo esbozos, visitando o xardín botánico e buscando referencias. Ao final acabou saíndo, pero tampouco empecei cunha idea moi clara do que ía ilustrar, funa traballando. 

Por que elixiu a selva para representar a memoria?

Creo que non foi algo que xurdiu intencionadamente. De entrada eu non pensei en traballar a memoria, senón que fun pouco a pouco, e finalmente as imaxes e a historia en si acabou por suxerir isto. 

Quería xogar entre eses dous espazos que son a natureza e a cidade. Si que pensei moito, sobre todo cando ía visitar o xardín botánico, en como un neno imaxinaría o espazo, con animais ou non... Tamén me centrei no que pasaría unha vez saíse de alí, se levaría todo iso con el. 

Non pensei en traballar a memoria, xurdiu a medida que me ía formulando preguntas a min mesma. Foi a través da selva, pero podería ter sido a través de calquera outro elemento, simplemente me apetecía traballar a natureza. 

A min encántame o xardín botánico e imaxinei como o viviría un cativo ou cativa, cunha imaxinación incríbel e que de seguro que vía miles de cousas. Desde o momento en que me fago esas preguntas xorde todo. Fun guiándome sobre todo polo que me apetecía nese momento.

O xurado do certame destaca que é unha obra "brillante e orixinal". A que cre que se debe esta valoración?  

Quizais polo final, que ao meu parecer é o que máis sorprende do libro. Durante toda a obra hai unha dinámica, cun espazo que é a selva e cunha paisaxe que simula un animal. Todo sempre nese contexto. 

De súpeto, chega un momento no que sae fóra dese lugar e dá coa cidade e alí fusiónanse os dous espazos. Creo que foi ese final, que tentei que fose un pouco diferente e que dentro da historia sorprendeuse un pouco, así que imaxino que por iso. 

Como valora a situación actual do mundo da ilustración?  

A verdade é que aínda estou comezando e non sabería moito que dicir. Este é un dos meus primeiros libros, o primeiro como autora, e estou intentando abrirme camiño neste mundo. Penso que non é sinxelo, pero estou ilusionada e teño moita motivación. 

Coñece algún ilustrador ou ilustradora da Galiza?  

Galegos non, pero si portugueses, xa que estudei en Lisboa. Hai profesores que admiro moito e fascíname o traballo que fan, por exemplo Tiago Guerreiro, Catarina Sobral ou André Letría. Si que é certo que non coñezo aínda persoalmente o equipo da editorial Kalandraka, pero tamén son figuras bastante importantes no mundo da ilustración e síntome moi afortunada.

Que proxectos lle gustaría levar a cabo nos próximos anos?  

Gustaríame facer máis libros. En xeral hai moitos ámbitos do mundo da ilustración que me interesan, pero os libros fascínanme. Gustaríame poder formar parte deste mundo.

Comentarios