Máis

Hai carballeira no Festival de Zas

A Carballeira de Zas (Terra de Soneira) convértese hoxe e mañá no anfiteatro natural perfecto para un festival que reivindica o folclore e a música tradicional na procura de dúas xornadas de troula nunha paisaxe inmellorábel. O respecto pola natureza e o protagonismo de grupos emerxentes son algunhas das premisas que guían a filosofía da festa. 

carballeira de zas web
photo_camera Última edición da Carballeira de Zas, en 2022. (Foto: Raúl López Molina)

Que as tradicións mudan, transfórmanse e evolucionan é algo que saben ben desde a Asociación Cultural Castro-Mede. Proba disto son as 38 edicións do Festival Carballeira de Zas (Terra de Soneira). Unha longa traxectoria que tivo o seu xermolo hai arredor de 40 anos no marco das festas do Santísimo Sacramento da vila. Desta forma, un grupo da veciñanza decidiu comezar a baixar o día da festa a carón do río para compartir a tarde baixo a carballeira da zona e estender a xornada de troula até ben entrada a noite, momento de desprazarse ao campo da festa e seguir coa música.

Co tempo, a ausencia de financiamento para ese día de distensión e a falta de conformidade dos donos das terras nas que se celebraba levaron a que os festexos se deixaran en pausa. A tradición continuou desaparecida até que a Comisión de Festas do lugar decidiu retomala como parte da oferta cultural das festas da vila.

Como explica en declaracións a Nós Diario Fidel Otero, membro da organización, "a intención era recuperar as festas que se facían antigamente nas carballeiras do concello". E conseguírono porque, como asegura, "dunha pequena foliada con catro gaiteiros, unhas empanadas e uns barrís de viño" foise medrando até hoxe. Pasou o tempo e, finalmente, o proxecto quedou en mans da asociación cultural Castro-Mede. Co devir dos anos, as edicións foron sucedéndose. As cousas mudaron, houbo dificultades, variou o sitio de celebración, as datas... Mais o espírito permaneceu.

Coa idea sempre en mente de construír unhas xornadas agradábeis para a veciñanza nas que se puxera en valor a cultura tradicional da Galiza e se reivindicara o patrimonio propio, a iniciativa foi crecendo en tamaño e importancia. Máis actividades, diferentes artistas e, na busca da consolidación dunha identidade propia, unha data só para o festival. Agora, xa afastado o proxecto destas festas populares, entre a primeira e a segunda fin de semana de agosto Zas enche a súa carballeira de cultura e música en dous días para compartir coa veciñanza e todas as persoas que se achegan ao lugar a esencia da carballeira.

Malia todo, existen tamén explicacións máis fantásticas sobre as orixes desta festividade. Contan as lendas que no cume do Monte Castro atópase agochado un tesouro de ouro e prata que ninguén aínda se atreveu a buscar porque as mesmas historias aseguran que cousas terríbeis lle poderían pasar á vila. Con isto presente e a intención de manter contentos e entretidos a espíritos máxicos e veciñanza, a mocidade do lugar decidiu comezar unha festa mellor que calquera tesouro.

Sexa como for, o festival Carballeira de Zas chega hoxe para traer consigo dous días de folclore con acampada, feira de artesanía, mercado ecolóxico, queimada e espazo lúdico infantil para desfrute das crianzas.

As achegas económicas das persoas asistentes resultan fundamentais para a supervivencia do festival. Por iso, as entradas  ao evento teñen un custo de entre 8 e 15 euros mercándoas de modo anticipado a través da web festadacarballeira.com e dependendo de se se compran por días ou para a totalidade do evento. Adquiríndoas no propio recinto, o custo ascendería a entre 12 e 20 euros. Cómpre recordar, malia todo, que as persoas menores de 14 anos e maiores de 60 poden acceder de balde.

A venda de produtos alimenticios e bebidas, así como a comercialización de camisetas conmemorativas ou das particulares xerras de barro do evento con deseños especiais para cada edición e que, ademais, permiten o acceso a empanada, viño e queimada son algunhas das fontes de ingresos coas que conta o festival para seguir ofrecendo a mellor oferta cultural. 

Dálle carballeira

Nun escenario natural que reivindica as carballeiras típicas das romarías, a partir de hoxe ás 22.30 horas semella que a música non deixa de soar. Entre un torreiro e un palco de festa, grupos da Galiza e sons internacionais mestúranse para ofrecer unha visión en tres dimensións da música tradicional. Iso si, buscando sempre a representación galega e de grupos emerxente. Esta primeira xornada é a quenda da perspectiva máis roqueira e vangardista do folclore actual.

O festival arranca co pop e o garage dun dos grupos da Galiza con máis sona do momento. O corasón como un after de The Rapants abre as portas dunha xornada que completan o hip hop e a potencia audiovisual de Dios que te crew, que este ano celebran o seu 20 aniversario, e a recoñecida banda gaiteira escocesa Red Hot Chilli Pipers; capaz de afondar nos xéneros máis alternativos a través dos sons de guitarras, gaitas e percusión.

Non queda moita marxe para durmir porque mañá ás 12 horas a cativada da casa ten o seu momento de protagonismo coas actuación de Uxía Lambona e a Banda Molona e Cé Orquestra Pantasma. A mañá féchana o grupo popular dos Enxebres de Cabana e o violín, acordeón, pandeireta e voz do grupo vigués Caldo. A partir das 18 horas comeza a gran foliada da carballeira. Desde as pandeiretas de Pan.sen.fron até a integración da música galega con sons do mediterráneo oriental de Xurxo Fernandes pasando polo multiinstrumentista Xosé Lois Romero en colaboración co coro de voces de Alboria. Fecha a festa a fusión céltica e irlandesa do grupo italiano Uncle Band & The Dirty Bastards e a enerxía positiva de Ruxe Ruxe.

Todo isto co actor e humorista Roi de Costa como presentador e co obxectivo, en palabras de Fidel Otero, de "facer un festival de música folk e tradicional para  que todo o público goce da música e da contorna, mantendo o espazo vivo e en condicións para seguir desfrutando del moitos anos máis". Malia isto, desde a organización aseguran que o da Carballeira é "un festival modesto" e agardan seguilo sendo.

Así, para conseguir que toda esta troula e respecto pola natureza se materialice en dous días de festa, Otero destaca especialmente o labor do voluntariado, rapazada e maiores que cobren os distintos postos necesarios para que a carballeira de Zas se converta "nun anfiteatro natural cunha acústica marabillosa e unha contorna para a música e o desfrute". Iso si, sen deixar nin un papel, nin un plástico no chan para que a carballeira siga sendo protagonista e fogar da música en Zas.  

Comentarios