Trátase do traballo máis persoal de Guadi Galego, autora da maior parte da música e a letra do seu segundo disco lúas de outubro e agosto (Fol Música). Guadi Galego publica un novo traballo en solitario despois de que asinara aquel Benzón de 2009.
Cun son máis pop, aínda que conserva o arrecendo do tradicional, o novo traballo de e Guadi Galego ten o seu cerne nas emocións e nas experiencias das mulleres. O grande suceso do videoclip “Matriarcas” -máis de 20.000 visitas en dous días- adiviña o agardada que é esta nova aposta dunha música que participou en proxectos colectivos como Berrogüetto, Nordestinas, Espido ou aCadaCanto.
Para o novo traballo, Guadi Galego contou co acordeón de Santi Cribeiro, os clarinetes de Pablo Pascual e a guitarra eléctrica de Karlos Abal. Lúas de outubro e agosto levan, segundo se le no libreto que acompaña o disco “estopa na urdime, farrapos na trama, pasadas de la e a eternidade da arte popular”, referíndose á textura do cobertor que ilustra a portada e que se atopa nos fondos do Museo do Pobo Galego.