Guadi Galego, Leilía e De Vacas no novo disco de Budiño

O músico e gaiteiro presentará en abril o seu novo disco, Branca Vela.
O músico Xosé Manuel Budiño
photo_camera O músico Xosé Manuel Budiño

Budiño presentará en abril o seu novo disco, que conta coa participación vocal, instrumental e letrista de importantes artistas como Leilía, Guadi Galego, Manuel Rivas, Antía Otero ou De Vacas.

Branca Vela será o título do álbum e tamén do primeiro tema, lanzado a través das principais plataformas musicais. 

O videoclip da canción 'Branca Vela' foi  gravado o  pasado día 21 de febreiro na capela do Hostal dos Reis Católicos de Compostela. Na nova canción, o músico e gaiteiro galego está acompañado pola banda Leilía. Budiño avanza na súa aposta de mesturar elementos clave da música de raíz, como a gaita e a percusión tradicional, coa electrónica.

Trátase do primeiro avance do álbum Branca Vela, no que Budiño se consolida como o gaiteiro que canta e onde mestura gaita, voz e outros instrumentos en todas as cancións. “O disco nace da exploración de levar os instrumentos típicos da nosa música a novos espazos. A gaita segue na base, mais mestúrase tamén con outros elementos.

Temos que deixar atrás a idea de que a gaita debe soar sempre soa e reivindicar que se mesture e coexista con outros sons e sen etiquetas específicas. Crear unha canción é contar unha historia en 60 segundos para engaiolar, sen importar o instrumento ou o xénero musical” explica o compositor.

25 países

Tras empregar durante  décadas  a  gaita  como  instrumento  principal, Xosé Manuel Budiño é o primeiro dos gaiteiros galegos en explorar a voz como instrumento no seu álbum Fulgor (2019). Como  artista, nos  últimos 26 anos ten levado  a música galega a 25 países e actuado en Shangai, Damasco,  Beirut, Casablanca, Frankfurt, Milán, Glasgow ou cidade de México,entre outras urbes. 

Comentarios