Contracultura

Leilía: "Con 'Vidas Cantadas' fechamos un círculo de máis de 30 anos sobre os escenarios"

Ana Rodríguez, Felisa Segade, Mercedes Rodríguez, Montse Rivera, Rosario Rodríguez e Patricia Segade conforman desde 1989 o grupo Leilía. Unha das apostas máis relevantes da música folk galega que leva trazando camiños entre a tradición e innovación. Despois dun longo período sen traballo discográfico, pero cunha incansábel presenza nos escenarios, este verán anuncian o seu novo disco coa xira Vidas Cantadas. 'Nós Diario' repasa a andaina de Leilía e mais o futuro con Ana Rodríguez.
Leilia (Foto: Nós Diario)
photo_camera Leilia (Foto: Nós Diario)

—De onde sae o nome de Leilía?
Cando decidimos formar o grupo, aló a finais dos anos 80, atopamos esta palabra nun vello dicionario, aplicada ao retrouso das cantigas populares. Gustounos e collémolo, pero o caso é que, tal e como o atopamos, non o volvemos ver referendado en ningunha fonte durante moitos anos. Agora mesmo a Academia vén de incluílo na súa guía de nomes galegos, facendo referencia ao noso grupo, así que volvemos velo recoñecido agora.

—En que consiste Vidas Cantadas?
É o noso novo espectáculo que recolle as vivencias coas que Leilía nos agasallou ao longo dos más de trinta anos xuntas. Tanto tempo permítenos dicir que levamos unhas 'Vidas Cantadas', como cantadas tamén eran as vidas das mulleres das aldeas que nos aprenderon canto sabían e das que nós bebemos o zume da terra. Afrontamos este novo traballo como un elo máis da cadea que une as nosas orixes con cada unha das aprendizaxes adquiridas ao longo destes anos.

O espectáculo retoma vellas cancións do noso repertorio para facelas nosas de novo. E sendo as mesmas melodías teñen outro aire, igual ca nós, que sendo as mesmas mulleres xa temos o pouso co que Leilía nos envolveu durante tanto tempo.

Desta forma, Vidas cantadas é unha aposta integral, un proxecto no que enlazan orixe e fin: fechamos o círculo e dentro del teñen cabida ilusións, premios, colaboracións, recoñecementos, viaxes, amizades…, e un sinfín de vivencias que nos fan sentir agradecidas e orgullosas do que Leilía significa para cada unha de nós e tamén para a música deste país.

—Neste último proxecto hai un recoñecemento explícito ás vidas das mulleres das que aprenderon. Quen son?
Nada do que somos sería posíbel sen as informantes, e sempre sentimos o máis sincero agradecemento cara a elas. Nese sentido, o recoñecemento ás mulleres das que bebemos sons e toques está implícito en cada un dos nosos traballos. A muller é referencia na transmisión, creación e conservación da tradición oral galega: non podemos pór nomes nin apelidos a todas as que se implicaron con nós ou que podemos atopar na nosa historia. As grazas son infindas a todas as mulleres que nos abriron as súas portas para compartir connosco parte da riqueza popular galega. Tratamos de amosar e honrar esa riqueza nos nosos discos e espectáculos.

—Leilía leva máis de 30 anos en activo, que reflexión fan do seu papel na música galega?
Leilía cambiou o panorama musical galego ao pór sobre o escenario a tradición. Os músicos, que antes buscaban inspiración en Irlanda e Escocia reorientaron a súa procura para atopar a seiva nas aldeas. Certo é que Milladoiro xa apostara por pór pandereteiras sobre o escenario e que outros artistas tamén as incorporaran puntualmente, pero somos nós as primeiras en defender un espectáculo íntegro de voz e pandeireta. Se botamos a vista atrás sentimos orgullo polo labor feito na recuperación e dignificación de tradición oral galega, pero tamén pola influencia que tivemos na expansión e recoñecemento desta, ao sacar do esquecemento parte do legado cultural deste país.

—Pódense facer cousas novas nunha música que bebe da tradición?
Por sorte o recoñecemento á tradición oral galega xa é un referente. Non só grupos folk se inspiran nesta fonte, tamén outros estilos como o pop, heavy… Crer nas nosas raíces dá azos para crear en distintos ámbitos da cultura: música, danzas, escena...

—Onde podemos escoitar Vidas Cantadas?  
Este verán estamos de xira e xa temos algunhas datas confirmadas en agosto. Actuaremos en Monterrei (día 4), en Arnoia (o 6), na Estrada (o 14) e o 19 en La Laguna, perto de Tenerife. Ademais, o espectáculo antecede o noso novo disco, que chegará ao mercado antes de fin de ano.

Comentarios