Guadi Galego esgota as entradas de 'Síntese Horizonte' na última cita da xira, o 13 de abril en Pontevedra

O novo directo, presentado esta fin de semana en Santiago e Ferrol, con todas as butacas vendidas, é unha proposta expresamente concibida para teatros na que a cantante presenta, por primeira vez na Galiza, o seu álbum 'Roibén', ademais de revisitar temas de anteriores traballos discográficos.
Concerto de Guadi Galego en Ferrol. (Foto: Pixelin Photo)
photo_camera Concerto da xira 'Síntese Horizonte' de Guadi Galego en Ferrol. (Foto: Pixelin Photo)

Guadi Galego vén de pendurar o cartel de 'entradas esgotadas' para o terceiro e último concerto de presentación do seu novo directo, Síntese Horizonte, que terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra o 13 de abril no marco do ciclo Resoan que organiza o Concello de Pontevedra. Logo da exitosa estrea desta fin de semana tanto no Teatro Principal de Compostela como no Teatro Jofre de Ferrol, citas nas que todos os billetes se venderon con antelación, a cantante e compositora fechará na cidade do Lérez a xira de presentación do seu último LP, Roibén.

Agárdase unha noite moi especial na que tamén soarán cancións de anteriores discos ou mesmo o seu sinxelo O.D.A.. Guadi Galego regresa este mes de xaneiro aos escenarios do país logo dunha ausencia de máis dun ano e medio. A artista volve con Síntese Horizonte, unha proposta expresamente concibida para presentar, ao vivo, sobre as táboas dos teatros.

O novo directo preséntase a través de tres concertos exclusivos nos que se acompaña dunha banda conformada por diferentes artistas do país, como Guillerme Fernández —guitarra acústica, eléctrica e sintetizada—, Rubén Iglesias —baixo e sintetizadores—, Isaac Palacín —batería e percursión—, Álex Fernández —teclados— e Paula Romero, Faia Díaz, Inés Salvado e Rocío Jiménez coma vocalistas.

Ademais, a produción destaca tanto pola súa coidada iluminación —baixo a dirección e o deseño de Laura Iturralde e José Faro, de NONONON.LAB— como pola súa posta en escena, obra de Marina Oural e Ugía Pedreira, froito do traballo en común que as artistas desenvolven, desde hai meses, con Guadi Galego baixo a premisa de ofrecer ao público "unha experiencia musical única e transformadora".

Guadi Galego é unha das artistas máis relevantes da escena musical galega das últimas décadas. A súa andaina musical comezou sendo ela moi nova, un camiño fiado especialmente a Berrogüeto como vocalista, pianista e gaiteira e que, co tempo, deu paso a outros proxectos máis persoais, como Espido ou Nordestin@s. No 2009 inicia a súa carreira en solitario con Benzón. Logo chegarían os exitosos Lúas de Outubro e AgostoO mundo está parado, Inmersión, Costuras ou o máis recente, Roibén (2022), LP que presentou en diferentes puntos da xeografía peninsular.

Logo dunha simbólica ausencia dos escenarios do país, Guadi Galego segue a atravesar etapas e dá paso a novos horizontes, "sen esquecer que a vida existiu e persiste nela". Se no mes de setembro lanzaba o sinxelo O.D.A, toda unha declaración de intencións sobre a madurez e aceptación da vida, e na que reivindica "o dereito a seguir experimentando", no 2024 presenta Síntese Horizonte, unha aposta da propia Guadi pola evolución do seu son, pois con cada disco, e con cada espectáculo, foi "aprendendo a desaprender do estabelecido".

Comentarios