Albert Plá e Guadi Galego súmanse a Morgan e Mahmood no programa musical de Pontevedra

O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, adiantou os cambios na programación da Boa Vila.
Guadi Galego.
photo_camera Guadi Galego.

O concelleiro de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez, presentou onte a programación musical para o primeiro semestre de 2024 avanzando que o "novo ciclo, Resoan, vai concentrar a programación de concertos de pago do Concello, independentemente do horario e de se son no Teatro Principal ou no Pazo. Estamos traballando e repensando a programación, introducindo cambios que consideramos necesarios". 

O concelleiro repasou os concertos anunciados con anterioridade: Morgan achegará “The river tour” o sábado 27 de xaneiro ás 20.30 no Pazo da Cultura. A segunda data xa presentada, para algo máis adiante será Mahmood tamén no Pazo da Cultura o  domingo 12 de maio. 

O concellerio anunciou que "os novos nomes que completan a programación do semestre, serán Albert Plá con Diego Cortés e Guadi Galego". Ademais, adiantou que hai un terceiro concerto en vías de xestión que agarda poder anunciar nas próximas semanas. 

Albert Plá e Guadi Galego

Albert Plá, músico, cantante, actor, escritor, pallaso, bufón… é un deses exemplares únicos na súa especie cunha capacidade perpetua para conmover, remover e sorprender. A ninguén deixa indiferente. Nesta ocasión conta  coa complicidade do sorprendente e xenial guitarrista xitano Diego Cortés. Será o sábado 24 de febreiro ás 20 horas no Teatro Principal. 

Guadi Galego levará o seu espectáculo Síntese horizonte (13 de abril, ás 20 horas, no Teatro Principal) a unicamente tres escenarios galegos. O espectáculo é unha aposta da propia Guadi Galego pola evolución do seu son. Agora, acompañada dunha portentosa banda, e cunha produción que destaca pola súa coidada iluminación e posta en escena, confirmará a súa firme crenza no poder transformador da música ao vivo.   

Comentarios