O Grupo 1500 interpreta música de entre dous mundos no Brasil

O grupo de música antiga 1500 no XXXIV Festival internacional de Música Colonial Brasileira e Música Antiga, en Juiz de Fora, Minas Gerais.
O grupo de Música Antiga 1500.
photo_camera O grupo de Música Antiga 1500.

O grupo de música antiga 1500, participará na 34ª edición do Festival de Música Colonial Brasileira e Música Antiga, que se celebra en Juiz de Fora, Minas Gerais, cun concerto no Cenáculo São João Evangelista, o 29 de xullo. 

O grupo presentará o seu proxecto Dous Mares, músicas entre dous mundos, un programa que trata de dar mostra do frutífero encontro que, no musical, tivo lugar a raíz da chegada dos europeos ao continente americano, así como do proceso de hibridación entre músicas, ritmos e instrumentos dun lado e outro do océano. Esa simbiose estará representada a través dunha formación musical que simboliza ese encontro, con músicos que navegan por diferentes estilos e influencias, desde a música antiga e a música tradicional ao jazz: a carismática frautista e cantante arxentina Diana Baroni o cantante, guitarrista e experto en músicas amerindias, o mexicano Rafael Guel e o organista e clavecinista ítalo-brasileiro, Marco Brescia, gran coñecedor e investigador dos órganos galegos e da influencia da organaría galega en Portugal e parte do mundo lusófono. 

Na parte galega integran o grupo o violinista Roberto Santamarina, o contrabaixista cubano-galego, Jose Manuel Díaz, a cantante Belén Bermejo e o multiinstrumentista Andrés Díaz, director do grupo. Nesta ocasión o grupo conta tamén coa participación da soprano brasileira, Luane Voigan. 

O Festival de Música Colonial Brasileira e Música Antiga, un dos máis consolidados do Brasil do seu xénero, desenvolverase até o 28 de agosto e trata de dar conta do que, no mesmo período histórico, se producía musicalmente no Brasil e na Europa. 

O grupo 1500

O Grupo de música antiga 1500, fundado en 2005, é un dos grupos adicados á interpretación de música antiga (repertorios dos séculos XIII a XVI) con máis traxectoria do panorama musical galego. Na interpretación e elaboración dos diferentes programas, o grupo busca o máximo rigor histórico e conceptual, empregando nas súas interpretacións un amplo repertorio de instrumentos medievais e renacentistas. Ademais da súa actividade concertística, o grupo de Música Antiga 1500 desenvolve outro tipo de proxectos relacionados coa música, desde a súa concepción e deseño até a súa execución: bandas sonoras para audiovisuais (1500 prestou a banda sonora para a curtametraxe Cadea Perpetua ou o documental O mariscal, e a súa música ambienta o audiovisual das novas salas inauguradas no Museo do Pobo Galego), concertos, obradoiros e materiais didácticos para centros de ensino, conservatorios e escolas de música, e actividades formativas e divulgativas para adultos.

Comentarios