A música de frei Bartolomé de Olagüe volve ao mosteiro de Sobrado dos Monxes

Este sábado, o mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes acollerá unha conferencia concerto na que Andrés Díaz explicará as características que fan de Bartolomé de Olagüe -o compositor compostelán recentemente descuberto polo propio Díaz- unha das figuras máis sobresalientes do Barroco musical da península. O compositor e organista Fernando Buíde interpretará algunhas das obras de Olagüe que perviven.
Claustro do mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes, onde Olagüe residiu a maior parte da súa vida.
photo_camera Claustro do mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes, onde Olagüe residiu a maior parte da súa vida.

Foi unha das máis sorprendentes noticias do ano pasado no apartado musical: o musicólogo Andres Díaz Pazos revelaba, no Congreso da Sociedade Española de Musicoloxía, a existencia dun novo compositor galego até entón descoñecido: frei Bartolomé de Olagüe que, ademais, foi autor dunha abundante obra, en relación co que se conserva daquela época.  

O achado evidenciaba, ademais, que o Libro de Cyfra adonde se contem varios Jogos de Versos e Obras, e outras curiosidades, conservado na Biblioteca Municipal do Porto -unha das principais obras sobre a música de órgano na península Ibérica dos séculos XVII e XVIII- procedía moi probabelmente, da Galiza. 

Segundo as pescudas de Díaz, Bartolomé de Olagüe era fillo doutro compositor do mesmo nome, de orixe incerta, que exerceu como Mestre de Capela en Santiago de Compostela desde 1651 até 1658. O feito de ser fillo dun clérigo e de ter o mesmo nome que o seu proxenitor escureceu a súa biografía até o de agora. 

As obras do fillo atribuíanse ao pai, e, malia que moitos estudosos mostraran o seu desconcerto ante características musicais destas pezas que eran moi avanzadas para ser obra dun músico falecido en 1658, non foi até o de agora que o crebacabezas foi resolto: Díaz atopou a partida de nacemento de Olagüe, descubriu que estivo protexido polos músicos da catedral compostelá -compañeiros do seu pai- e logrou trazar as liñas mestras da súa vida: o futuro compositor tomaría os hábitos en Sobrado dos Monxes no ano 1667, onde permanecería até 1707, cando se trasladaría ao mosteiro de Santa Ana, en Madrid, até a súa morte en 1722. 

É case seguro que foi neses corenta anos de estancia en Sobrado cando compuxo as pezas que aparecen no manuscrito de Porto e que até agora se atribuían ao seu pai.

Conferencia concerto en Sobrado dos Monxes

Este sábado, no propio mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes, onde Olagüe residiu a maior parte da súa vida e onde compuxo a maioría das súas obras, acollerá unha conferencia concerto na que o propio Andrés Díaz explicará algunhas chaves que sitúan o compositor como unha das figuras máis sobresalientes do Barroco musical da península. Para ilustrala, o compositor e organista Fernando Buíde interpretará algunhas das obras de Olagüe recollidas no Libro de Cyfra do Porto. 

A investigación de Díaz consolida a idea de que os mosteiros galegos foron centros culturais de enorme importancia no campo musical, cunha relación destacada co norte de Portugal e que, ademais, contaban cun circuíto de creación e transmisión e dun repertorio propios. 

Ese dinamismo, ligado á actividade da orde cisterciense, móstrase na existencia, en Sobrado, dunha escola de organistas que formaba músicos  e cantantes de coro, galegos e portugueses. Sabemos, polo menos, de dous monxes organistas portugueses que estiveron en Sobrado dos Monxes: frei Jacinto Valverde e frei Diego Valverde. Díaz cre moi posíbel que algún deles fose o copista do libro de cifra que acabou no Porto e cuxas composicións pertencen a músicos que traballaron na Galiza. 

Comentarios